Investigados por homicidio imprudente os pais do bebé morto en Ourense

Declararon xa no xulgado, que tamén investiga as lesións sufridas polo irmán xemelgo

Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. AEP
photo_camera Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. AEP

O xulgado de instrución número 1 de Ourense investiga por un suposto delito de homicidio imprudente os pais do bebé de dous meses que faleceu o pasado mes de marzo na cidade. Tamén están a ser investigados polo que podería ser un delito de lesións ao irmán xemelgo, que foi ingresado na Uci do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo) cunha fractura nas costelas. 

Os pais prestaron declaración a pasada semana no xulgado ourensán, segundo confirmaron a Europa Press fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que apuntan que "polo momento a cualificación é orientativa e se seguen solicitando probas" sobre ambos os casos. 

A investigación continúa aberta á espera de que se leven a cabo as dilixencias necesarias para determinar a posible responsabilidade penal dos proxenitores. O contido das probas está amparado polo secreto das actuacións.

Os feitos ocorreron o pasado mes de marzo, cando un dos bebés ingresou no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense con lesións costais. Pouco despois, o seu irmán xemelgo faleceu no domicilio familiar. 

A Policía Nacional iniciou unha investigación despois de que a traballadora social do hospital comunicase a incidencia ao Servizo de Menores da Xefatura Territorial de Política Social para esclarecer as posibles causas. A Xunta asumiu a garda provisional do bebé, con carácter urxente, á espera de que avance a investigación. 

Comentarios