O Chicle puido fallar no seu primeiro intento de afundir no pozo a Diana Quer

Os investigadores acharon outro par de lastres no fondo do pozo

O corpo de Diana Quer foi lastrado con dous bloques cerámicos unidos por un cable de transmisión de datos por rede que, segundo os investigadores, non era como os da nave de Asados e no interior do pozo no que se achou o seu corpo localizáronse outros dous lastres unidos por un cable eléctrico normal. 

Así o declarou este luns, na quinta sesión do xuízo contra Enrique Abuín, un dos axentes que participaron no levantamento do cadáver na nave de Asados, e que realizou o rexistro fotográfico do proceso. 

O axente explicou que o corpo de Diana, totalmente espido, estaba lastrado por dous bloques de material cerámico, de 18 quilos de peso, unidos por un "cable de rede", un cable para transmisión de datos mais groso que o eléctrico común e que non acharon en ningún lugar do soto. O Chicle dixo na súa declaración que o cable que empregou o arrincou dunha viga do soto. 

Máis aló, a testemuña explicou que ese tipo de cable só se localizou, nunha inspección posterior, nas oficinas da primeira planta, pero a metraxe dos mesmos "non ten continuidade numérica". O axente explicou que este tipo de cable ten numerada a súa lonxitude, e o atopado no corpo de Diana "difire nuns 3.000 metros" do que había na oficina. 

No entanto, como fixo constar a defensa, a nave foi sometida a unha intensa limpeza no período entre a morte de Diana Quer e o achado do cadáver, na que se quitaron os numerosos materiais que había no seu interior. 

No fondo do pozo, explicou a testemuña, ademais doutro bloque "completamente distinto", atopáronse outros dous ladrillos similares aos que lastraban o corpo e que tamén estaban unidos por un cable, aínda que nesta ocasión de tipo eléctrico. 

Os bloques que lastraban o corpo de Diana estaban unidos porun cable de entre 9 e 10 metros que, ademais, fora anudado en dous lazos nos laterais, a modo de asa, para "ter un control sobre o peso dos bloques antes de deixalos caer". O cable que unía os dous bloques do fondo, con todo, non tiña este tipo de lazada feita.

OUTROS OBXECTOS. Na superficie da auga do pozo, explicou o axente, localizáronse flotando varios obxectos, entre eles un bote de desodorizante que procedía do interior do bolso de Diana, que foi localizado aberto no limo do fondo do mesmo xeito que a tanga da vítima. 

No fondo do pozo tamén se localizaron dous anacos de cinta adhesiva duns 50 centímetros de lonxitude por catro centímetros de ancho que "estaban moi deterioradas", algo que impediu practicarlles "estudo algún".

A entrada do pozo no que apareceu Diana Quer. XOÁN REI

BRIDA DE COR NEGRA. O axente que declarou este luns tamén falou da brida localizada enredada no pelo de Diana Quer e que a acusación considera que foi utilizada para estrangulala. 

Segundo se puido ver, a brida, de cor negra e de gran tamaño, estaba pechada nunha circunferencia pequena, que a propia testemuña asimilou ao pescozo da vítima. 

A brida foi localizada enredada no pelo cando foi recuperada a cabeza, aínda que a testemuña cre "moi pouco probable" que se tratase dun enredo "accidental" dun obxecto que xa se atopara no pozo. "Dubido moito que iso sexa así", narrou, tendo en conta que no fondo do pozo localizáronse outros anacos de brida, dous negros e un transparente. 

No soto no que se atopaba o pozo, cando se realizou a primeira inspección –sobre as 3.40 horas da madrugada–, a visibilidade era nula e necesitábase "apoio da luz artificial" para deambular. Así mesmo, a testemuña describiu como "empinadas" as escaleiras de acceso (máis de 14). "É unha zona complicada para transitar sen luz, estás como perdido", ha ejemplificado. 

Finalmente, o axente explicou que, coa posición na que foi achada Diana Quer, para introducila pola tapa do pozo sería necesario "vencer o rigor mortis" ou, en todo caso, que este non estivese instaurado aínda.