Interceptan a 236 km/h a un condutor que viña de ver o Rallye de Ourense

O vehículo foi detectado a esa velocidade mentres circulaba pola AG-31
Un coche de la Guardia Civil. AEP
photo_camera Un coche de la Guardia Civil. AEP

A Garda Civil de Ourense detectou a un condutor cando circulaba a 236 quilómetros por hora na autovía AG-31 tras presenciar o Rallye de Ourense. 

Nun comunicado de prensa, o Instituto Armado destaca dentro do seu labor o pasado fin de semana con motivo da celebración da proba deportiva "como nota negativa" a "actuación dun espectador do Rallye que, contaxiado pola velocidade dos pilotos, ao regresar de ver unha proba foi detectado circulando a  236 km/h na autovía AG-31". 

Por iso, instruíronselle dilixencias en calidade de investigado pola posible comisión dun delito contra a seguridade viaria, tipificado no artigo 379 do Código Penal que considera o feito como delito e é castigado coa pena de prisión de tres a seis meses ou á de multa de seis a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días e, en calquera caso, á de privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a un ata catro anos. 

Durante o pasado fin de semana, o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense participou "activamente" nos principais acontecementos lúdico/festivos que tiveron lugar na provincia, destacaron as mesmas fontes. 

Por unha banda, na Festa do Boi desenvolvida na localidade de Allariz varias patrullas estableceron controis de alcol e drogas para velar pola seguridade viaria das persoas que acudían á celebración dos festexos, no marco dos cales se realizou "un elevado número de probas de alcoholemia e de drogas". 

Mentres, na proba deportiva do Rallye de Ourense varias patrullas do Subsector de Tráfico da Garda Civil comprobaron a seguridade dos tramos e os desprazamentos intermedios entre eles, "controlando principalmente a velocidade dos vehículos que acudían a presenciar a pericia dos participantes no Rallye e realizando tamén controis de alcol e drogas", detallaron. 

Polo demais, a Benemérita destaca "a ausencia de accidentes graves dado o grao de responsabilidade observado tanto nos condutores que acudían a presenciar o Rallye como aos festexos da localidade de Allariz". 

Con todo, o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense fai un chamamento a todos os condutores "para que sigan mostrando o mesmo interese e responsabilidade na condución, á hora de desprazarse tanto por motivos laborais como por motivos lúdicos".