Iniciativa pola Unión concorrerá ás xerais como 'Nós Candidatura Galega' se non hai unidade

A agrupación integra a BNG, Coalición Galega, Partido Galeguista, Partido Comunista do Povo Galego e Foga

A coordinadora de Iniciativa pola Unión ratificou que o nome co que se presentarán ás eleccións, de non haber confluencia de todos os partidos, será 'Nós Candidatura Galega', que funcionará como coalición instrumental despois de que formacións como o BNG renuncien ás súas siglas para concorrer ás eleccións.

Segundo confirmaron fontes da coordinadora, logo dun proceso de consulta entre os inscritos que participan nesta plataforma, a reunión mantida o martes ratificou que 'Nós Candidatura Galega' será o nome que finalmente se rexistre ante o Ministerio do Interior para participar nas eleccións do 20 de decembro, no caso de que non se alcance a confluencia, algo que, a estas alturas, é pouco probable.

Dado que a única forma para concorrer é agora a coalición de partidos, este nome sería rexistrado por, polo menos, cinco formacións políticas, a máis destacada, o BNG. Acompañaranlle outras organizacións de menor peso como Coalición Galega, Partido Galeguista, Partido Comunista do Povo Galego e Federación Obreira Galega (Foga).

Pola súa banda, Terra Galega aprobou que non acudiría se se dan dúas listas de confluencia, o mesmo que Compromiso por Galicia. Precisamente, a formación que lidera Xoán Bascuas convocou ás dúas plataformas que avogan pola confluencia, Iniciativa pola Unión e Encontro Cidadá por unha Marea Galega, xunto aos principais partidos políticos, a unha cita o sábado para tratar de reunir ás dúas partes e buscar a súa confluencia.

Iniciativa pola Unión xa confirmou a súa asintencia á cita do sábado, mentres que Encontro por unha Marea aínda non tomou unha decisión, aínda que o espírito que seguen é acudir aos actos aos que lles invitan.

Comentarios