Hospitalizados outros dous mariñeiros do barco atracado en Vigo cun gromo da variante india

O resto de tripulantes gardan corentena a bordo
El buque Prometheus Leader, en el muelle de Trasatlánticos en el Puerto de Vigo. EUROPA PRESS
photo_camera O buque Prometheus Leader, no peirao de Transatlánticos no Porto de Vigo. EUROPA PRESS

Outros dous tripulantes do buque Prometheus Leader, en corentena no porto de Vigo e no que se detectaron tres casos da variante india do covid, tiveron que ser trasladados ao hospital. Así as cousas, xa son catro os mariñeiros ingresados —todos en planta e sete o total de tripulantes afectados por este gromo. 

Segundo informaron fontes do Sergas e do Hospital Vithas Vigo, dos dous mariñeiros hospitalizados na tarde do domingo, un home de 52 anos está confirmado con covid e o outro, de 38 anos, deu positivo nas probas na mañá deste luns. 

O resto da tripulación —formada en total por 22 persoas— atópase en seguimento médico dentro do barco, segundo explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Entre a tripulación do barco detectáronse seis casos de covid-19, dos que cinco foron remitidos a secuenciación por sospeita de variante india. 

Finalmente, tres deles —os outros dous presentaban unha carga viral insuficiente— foron confirmados como pertencentes á variante B1.617, subvariante 2 da cepa india, que "é sensible á vacina". Son os primeiros casos detectados en España. Segundo o Sergas, "os expertos entenden" a partir destes resultados que "todo o gromo sería da variante india". 

Feijóo pide "prudencia" ante a variante india en Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu "prudencia" ante a presenza da variante india en Galicia. "A situación é estable", explicou no que respecta ao barco atracado en Vigo, aínda que recoñeceu a preocupación das autoridades sanitarias ante este gromo porque "non é unha variante fácil" e ten un maior índice de contagios. O Sergas seguirá "monitorizando o barco" e supervisando os tripulantes que non foron hospitalizados.

Cepas en circulación
Feijóo apuntou que en Galicia xa circula "todas as cepas" do coronavirus, algo que atribuíu a que esta comunidade é "lugar de paso" con fronteira hispano-lusa próxima e un litoral atlántico polo que "chegan moitos barcos" de diversas partes do mundo.

A variante india "preocúpanos", indicou o presidente galego, pero precisou que a variante británica continúa sendo, por agora, a maioritaria en Galicia.

Comentarios