Indra e empresas galegas ultiman un dron para protexer ríos e zonas costeiras

O dispositivo foi probado no encoro de Eiras e multiplicará o número de mostras que se poden recoller
Embalse de Eiras. BRAIS LORENZO
photo_camera Encoro de Eiras. BRAIS LORENZO

Indra, en colaboración coas firmas galegas Sixtemas e Adantia, entre outras, prevé comercializar este ano o que denomina "o primeiro dron ambiental", un aparato que recolle mostras e analiza a calidade da auga en tempo real.

A firma tecnolóxica e de consultoría detallou este mércores que o dron, que soporta un peso máximo de despegue de 25 quilos, xa foi probado para recoller mostras de forma automatizada do encoro pontevedrés de Eiras —que abastece de auga potable a Vigo e outras poboacións da zona— e ofrecer información en tempo real sobre a calidade das augas. A solución forma parte do proxecto Mar 2 da Civil UAVs Initiative, a iniciativa impulsada pola Xunta para converter a comunidade en referente "no desenvolvemento de drons civís". 

Estes drons determinan a distancia ata o fondo e o seu estado, miden a capa fótica —na que penetra a luz solar— e toman mostras a distintas profundidades. Así, multiplicarán o número de mostras que se poderán recoller, incluso en lugares de difícil acceso, e achegarán unha axilidade sen precedentes para detectar calquera vertedura ou anomalía, segundo Indra.

Dentro do proxecto, Indra responsabilizarase, en colaboración coa empresa galega Aeromedia, do desenvolvemento dos medios automáticos de captura de mostras e datos. 

Además, traballa coa tamén galega Seadrone e o Centro Tecnolóxico galego Aimen nunha embarcación non tripulada que contará cun sistema robotizado para avaliar a calidade da auga de mares e océanos. Ese sistema será capaz de recoller, clasificar, etiquetar, almacenar e conservar automaticamente todas as mostras, cubrindo a vixilancia de zonas de mar moi amplas e recoller información de calidade a un custo reducido.

Comentarios