Imputados dous responsables da concesionaria que contratou á cuñada de Silva

A xuíza cre que a súa colaboración foi "necesaria" no suposto enchufe da cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra

A xuíza de instrución número 7 de Vigo citou a declarar, en calidade de investigados, a Ramón C.A., e José Antonio M.B., responsables en Vigo da concesionaria municipal Imesapi, que foi a empresa que contratou á cuñada da agora presidenta da Deputación de Pontevedra e concelleira nese municipio, Carmela Silva.

Nun auto, ao que tivo acceso Europa Press, a xuíza considera necesario que estas dúas persoas, que xa declararon como testemuñas, volvan comparecer como investigados, debido a que hai indicios de "colaboración necesaria nun comportamento ilícito".

Nesta causa, relacionada coa suposta contratación irregular da cuñada de Silva, están a ser investigados tamén este familiar, Vanesa F.B.; o xefe de departamento de Emprego e Participación Cidadá, Francisco G.O.; e o concelleiro de Emprego, Santos Héctor Rodríguez. Os dous primeiros deberán volver comparecer ante o xulgado o próximo mes de abril.

Comentarios