Imputados dous mozos lucenses por un presunto delito de estafa ao simular un accidente

Dous mozos de Lugo, de 26 e 29 anos de idade, foron imputados pola Garda Civil como supostos autores dun delito de estafa por simular un accidente de tráfico para cobrar unha indemnización da compañía aseguradora que ascendeu a 8.000 euros.

Segundo informou o instituto armado nun comunicado, ao investigar a un dos imputados por outras supostas estafas, os encargados do caso decatáronse de que recibira un ingreso de 8.000 euros procedente dunha compañía de seguros, polo que lle solicitaron á empresa a documentación que entregara para "xustificar a reclamación polas lesións sufridas nun accidente de circulación".

Ao analizar eses documentos, os investigadores atoparon "algunhas anomalías", polo que lle tomaron declaración á facultativa que supostamente asinara os partes de baixa, quen confirmou que foran "falsificados", circunstancia que foi corroborada tamén pola Inspección Médica.

Por iso, tomóuselle declaración ao mozo de 26 anos, imputado por estafa, quen figuraba no parte do accidente como o condutor do vehículo que supostamente chocara por detrás co coche que conducía o segundo, de 29 anos de idade.

Ante a Garda Civil, recoñeceu asinar un parte amigable a proposta do seu compañeiro de traballo, que lle ofreceu unha compensación económica, aínda que finalmente non chegou a gratificarlo "de forma algunha".

Supostamente, ambos os individuos xuntáronse nunha leira particular, na que provocaron a colisión entre ambos os vehículos.

Como os danos a causa do impacto foron escasos, o que propuxo a estafa presuntamente deteriorou aínda máis o seu coche con axuda dun desaparafusador, simulou que o accidente sucedera nunha rúa de Lugo e incluso acudiu ao HULA para recibir atención sanitaria no servizo de Urxencias.

Ese imputado admitiu finalmente ante Garda Civil falsificar os partes de alta e baixa por enfermidade.

Tamén recoñeceu, en relación coa investigación que destapou esa suposta fraude, que participara "en moitísimas estafas" a través de Internet, onde anunciaba a venda de artigos, normalmente relacionados con telefonía móbil, que logo de cobrar non enviaba aos seus compradores.

Por iso, foi imputado por senllos delitos de estafa continuada e falsificación de documento público.

Comentarios