Imputados catro veciños da Estrada por subtraer sofás e neveiras dun hotel sen actividade

Intentaron darse á fuga nunha furgoneta co material roubado

A Garda Civil imputou catro veciños da Estrada (Pontevedra) por subtraer sofás e neveiras empregadas nas habitacións dun hotel da localidade que está pechado e sen actividade.

Segundo o Instituto Armado, foron imputados A.A.V., de 29 anos; J.L.T.M., de 28; D.B.G., de 23; e S.A.E., de 21, todos eles veciños da Estrada, por un delito de furto nun hotel. Na madrugada do pasado día 29 de maio unha patrulla de Seguridade Cidadá do posto da Garda Civil da Estrada decatouse dunha furgoneta marca Ford, modelo Transit, estacionada nas inmediacións do edificio dun hotel, o cal xa foi obxecto de furtos en datas pasadas, e que ante a presenza do coche patrulla iniciou a marcha para darse á fuga.

Pouco despois foi localizada e controlada, comprobando os axentes que no seu interior transportaba cinco sofás de pel, catro butacas e cinco neveiras pequenas, das utilizadas nas habitacións dos hoteis. No vehículo viaxaban catro persoas, unha delas deuse á fuga no momento da interceptación do mesmo e que foi localizado o martes, segundo sinalaron as mesmas fontes. Todos eles foron imputados por furto do citado mobiliario e terán que comparecer ante os xulgados de Instrución da Estrada cando para iso sexan requiridos.

Comentarios