O Monte do Gozo de Santiago de Compostela será unha das paradas da nova xira mundial da banda estadounidense Imagine Dragons, que visitará a capital galega o próximo 11 de xullo.
A de Santiago é ata o momento unha das dúas únicas citas confirmadas en España do grupo de Texas, que actuará días antes de chegar a Galicia en dous dos festivais máis potentes da península: o Mad Cool de Madrid (7 de xullo) e o NOS Alive de Lisboa (9 de xullo).
Así, o Monte de Gozo, escenario de grandes eventos na capital galega, acollerá un dos 20 concertos previstos ata a data no paso por Europa do Mercury Tour, a xira mundial de presentación do último traballo da banda texana, Mercury - Act 1.
A preventa de entradas para o evento quedará aberta a partir das 10.00 horas deste xoves nas páxinas web de Live Nation e Ticketmaster. O prezo de saída serán 57 euros máis gastos de distribución.