A iluminación do Nadal de Vigo contará con máis "luces" e unha "nora xigantesca"

As luces estarán acendidas desde o 23 de novembro ata o 11 de xaneiro
Alumbrado navideño de Vigo. RAFA FARIÑA
photo_camera Iluminación do Nadal de Vigo. RAFA FARIÑA

A inauguración da iluminación do Nadal de Vigo xa ten data: será o 23 de novembro e contará con "máis luces" e unha "nora xigantesca", segundo confirmou este mércores o alcalde, Abel Caballero.

Nunha rolda de prensa, o rexedor anunciou xa, tres meses antes da inauguración e catro antes do Nadal, o aceso das luces dunha campaña que, proclamou, pon a Vigo nun "nivel 'golden'". Segundo explicou, a estas alturas do ano as reservas de aloxamento para esas datas na cidade olívica están próximas ao cheo, algo que "só pasa cos grandes eventos, como as luces de Nadal de Vigo ou a inauguración duns Xogos Olímpicos".

Abel Caballero confirmou, así mesmo, que a iluminación estará acendida ata o 11 de xaneiro, e que este ano haberá "máis luces" e unha "nora xigantesca", duns 60 metros, na rúa Concepción Arenal, entre a Praza de Compostela e Areal.

O alcalde sinalou que a iluminación do Nadal é "a máis importante promoción turística" de Vigo "ao menor custo", á vez que proclamou que o seu goberno "mide ao céntimo" o uso do diñeiro público.

Comentarios