Hostalería de Galicia recoñece que o Nadal foi "moi frouxa" para o sector

O incremento dos contagios de covid-19 e o medo da xente a saír a celebrar as Festas foron os motivos principais
Cheché Real. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Cheché Real. VICTORIA RODRÍGUEZ (AEP)

A falta de datos precisos sobre o nivel de ocupación e a facturación dos establecementos, o presidente de Hostalería de Galicia e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, recoñeceu que as festas de Nadal foron "moi frouxas" no que se refire á actividade deste sector.

"Foi un Nadal frouxo, moi frouxa para o sector da hostalería" en Galicia, dixo Real, "por moitos motivos", pero principalmente polo incremento dos "contagios" e polo "medo" da xente a saír para celebrar estas Festas fóra dos seus domicilios.

"Houbo moitas anulacións de eventos xa programados. Grupos de xente que tiveron que anular reservas por mor de contagios por parte dalgún dos seus membros", dixo Real, algo que se deixou sentir especialmente en datas sinaladas.

Recordou, ademais, as restricións e condicionantes impostos para tratar de controlar a sexta onda da pandemia, ademais de incidir en que tamén no sector da hostalería "houbo moitas baixas" laborais durante estas datas por mor de contagios entre o propio persoal.

Real recoñeceu que o sucedido é algo directamente provocado pola situación sanitaria e polo crecemento exponencial dos contagios, porque "tampouco sería normal que houbese unha alegría tremenda" e todo seguise "igual que se non pasase nada".

En todo caso, confía en que a evolución da pandemia sexa positiva e os establecementos poidan de novo traballar, máis pronto que tarde, ao cento por cento da capacidade que establecen as súas respectivas licenzas de actividade.

Comentarios