Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

O Hórreo abrirá unha comisión de investigación sobre O'Marisquiño tras absterse o PP

Feijóo e Roda no pleno do Parlamento. LAVANDEIRA JR
Feijóo e Roda no pleno do Parlamento. LAVANDEIRA JR

O PSOE votou en contra  ► Populares e socialistas pactan un ditame sobre a comisión de política forestal

O Parlamento de Galicia abrirá unha comisión de investigación sobre o accidente causado polo esborralle dunha plataforma en Vigo, durante o festival de música e deporte O'Marisquiño, a noite do 12 de agosto e que causou máis de catrocentos feridos.

A petición de constitución cursada polo BNG e En Marea contou coa abstención do PPdedG e os votos en contra dos socialistas, despois de que o pleno do Concello de Vigo -con maioría do PSOE- tamén se opuxese a abrir unha comisión de investigación no ente local.

"Non seremos quen de impedir que se saiba que pasou e se investigue. Esa opacidade que practica Abel Caballero non a queremos", proclamou a parlamentaria do PPdeG, partido maioritario, Teresa Ejerique.

"Queremos transparencia e non queremos circos", proclamou Ejerique ao defender a decisión do seu grupo parlamentario, adoptada na reunión deste martes á mañá e que permite que se abra a comisión no Parlamento galego.

"O Parlamento ten que servir para dar resposta a uns feitos e evitar que situacións destas características poidan repetirse", coincidiron os portavoces de En Marea e BNG, Luís Villares e Ana Pontón, respectivamente ao defender a apertura da citada comisión.

Deste xeito, a comisión sobre O'Marisquiño será a primeira que se poña en marcha durante esta lexislatura, mentres que aínda está pendente o ditame coas conclusións da comisión de investigación sobre a desaparición das antigas caixas galegas, que se iniciou en 2013.

Ademais, a Xunta, segundo anunciou Alfonso Rueda, personarase na causa xudicial e reclamará os "200.000 euros" de gasto sanitario .

PPdeG e PSdeG pactan o ditame da comisión de incendios
Por outra banda, o Parlamento de Galicia aprobou, cos votos a favor dos deputados do PPdeG e o PPdeG e o rexeitamento dos de En Marea e BNG, o ditame da comisión de política forestal e contra os incendios.

O texto foi adoptado sen unanimidade e despois de que a Cámara autonómica rexeitara os relatorios alternativos rexistradas tanto por BNG como por En Marea, grupos que non estaban conformes co que estipulaba este documento, que criticaron nas súas intervencións.

O ditame da comisión de política forestal, constituído tras a fatal vaga de incendios de outubro do ano pasado na que faleceron catro persoas, está baseado nas conclusións de sesenta expertos que acudiron a un total de dezaseis reunións.

O Hórreo abrirá unha comisión de investigación sobre O'Marisquiño...
Comentarios