Hernández aínda non escolleu substituto para Currás no cargo de concelleiro

O pasado luns, 10 de novembro, Ángel Currás presentaba a súa dimisión como concelleiro en Santiago de Compostela, cargo que ocupaba tras dimitir como alcalde da mesma cidade no mes de xuño. Ante esta decisión, o ocupante actual da alcaldía compostelá, Agustín Hernández, incidiu hoxe en que non hai "ningunha novidade" sobre a substitución de Currás na corporación municipal.

O nome de quen ocupará o cargo como edil de Relacións Institucionais segue sendo unha incógnita polo momento. Tampouco se sabe se a persoa en cuestión que tome o relevo do lucense será unha persoa de dentro ou de fóra do Concello.

No entanto, a pesar de non manifestarse novidades respecto diso, o rexedor local apuntou que será nun pleno ordinario, e non extraordinario, onde se aproben os orzamentos para o próximo exercicio e onde se terá en consideración a renuncia de Currás, quen "pode estar no pleno ou non" para aprobar as cifras. "Non falei con el sobre ese tema", engade.

De todos os xeitos, Hernández concluíu que, no caso de que o seu predecesor no cargo non estea para votar os orzamentos, a aprobación destes non corre perigo, porque contaría co "voto de calidade do alcalde, en todo caso".

Comentarios