Ferido na extinción dun lume en Carballeda

Trátase dun condutor de motobomba que queimou ''a cara e as mans'' mentres traballaba apagando as chamas declaradas este sábado na localidade ourensá, onde arderon xa máis de 30 hectáreas

O condutor dunha motobomba resultou ferido este sábado, tras sufrir diversas queimaduras mentres realizaba labores de extinción nun incendio rexistrado en Carballeda de Valdeorras, na provincia de Ourense.

Segundo informou a Consellería de Medio Rural, o condutor, pertencente ao distrito forestal XV, sufriu queimaduras "na cara e nas mans". Ademais, o vehículo resultou afectado o incendio.

O incendio forestal, rexistrado este mesmo sábado no lugar de Lardeira, en Carballeda, permanece activo nestes momentos e xa queimou ao redor dunhas 30 hectáreas. No lugar atópanse numerosos medios aéreos e terrestres, segundo indicaron os servizos de extinción e fontes do departamento autonómico.

O condutor foi trasladado ao centro hospitalario do Barco, tras sufrir queimaduras, aínda que polo momento descoñécese a gravidade das feridas.


Comentarios