Achan sen vida o corpo do pescador desaparecido na illa de Ons

Un equipo do Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil localizou o corpo sen vida do home que desapareceu a medianoite do pasado sábado na illa de Ons, na entrada da ría de Pontevedra, cando saíra a pescar.

O mergulladores acharon ao redor das 15.00 horas deste luns o cadáver do home a catro metros de profundidade nunha cova situada ao oeste da illa, cerca do lugar onde desaparecera a noite do sábado. Tras rescatar o corpo, este foi trasladado nunha patrulleira da Garda Civil ata a Escola Naval Militar de Marín.

O aviso da desaparición deuno a parella do home pasada a medianoite do sábado, cando alertou de que saíra a pescar pola tarde e non regresara a casa. O domingo un dispositivo por terra, mar e aire encargouse de buscar ao pescador desaparecido, aínda que só atoparon a súa gorra.

Dúas embarcacións -a María Pita e a Salvamar Mirach- renovaron as tarefas este luns na zona de Cova do Inferno, na illa de Ons, ata que finalmente atoparon o cadáver dentro dunha cova a catro metros de profundidade.

Mal día para pescar
O patrón maior da Confraría de Pescadores de Bueu, José Manuel Rosas, advertiu este domingo de que o suceso puido deberse ás condicións meteorolóxicas e ao estado do mar.

"Onte -en referencia ao sábado- non era día de saír, nin a pescar", recoñeceu Rosas en declaracións á Radio Galega, tras advertir de que a zona onde desapareceu o mariñeiro "é perigosa" polos fortes correntes.

Comentarios