Hacienda devolveu 79,22 millóns do IRPF a 137.801 contribuíntes galegos

No que vai de campaña, presentáronse 230.321 declaracións, un 3,55% menos que o ano pasado
La delegada especial de la Agencia Tributaria en Galicia, Imelda Capote (izquierda), y la directora de la Axencia Tributaria de Galicia, Victoria González
photo_camera La delegada especial de la Agencia Tributaria en Galicia, Imelda Capote (izquierda), y la directora de la Axencia Tributaria de Galicia, Victoria González

A Agencia Tributaria devolveu xa 79,22 millóns de euros a 137.801 contribuíntes na campaña da renda de 2015 en Galicia, de forma que, como no conxunto estatal, máis do 70% dos declarantes que solicitaron a devolución na comunidade galega recibírona.

O número de devolucións en Galicia, con todo, cae respecto das mesmas datas do ano anterior un 7,46% con respecto ao leve aumento (do 0,17%) da media. Mentres, o importe das devolucións na comunidade autónoma aumenta un 4,13% fronte ao ano pasado (sobe máis, un 7,52%, en todo o estado).

Sobre estes datos, a delegada especial da Agencia Estatal de Administración Tributaria en Galicia, Imelda Capote, afirmou que "é un pouco pronto" para extraer conclusións, polo que apelou a "esperar ao final da campaña, porque en principio o que se espera é que se devolva máis que o ano pasado".

Xusto o día que comeza a campaña presencial nas oficinas da Agencia Tributaria, 230.321 contribuíntes galegos xa presentaron a súa declaración do IRPF, o que supón un descenso do 3,55% respecto ao ano pasado, e fronte ao incremento do 2,58% da media.

O servizo de atención con cita previa, que arrinca este martes, manterase ata o 30 de xuño, último día da campaña, pero a vía de presentación por internet segue a disposición dos contribuíntes que prefiran axilizar as súas xestións sen ter que desprazarse ata as oficinas da axencia ou entidades colaboradoras.

NOVA PLATAFORMA 'RENDA WEB'. Dos máis de 230.000 contribuíntes que xa presentaron a súa declaración, unhas 163.000, o 70% do total, utilizaron en Galicia a nova plataforma 'Renda WEB', o que supón unha caída do 1,42% en relación ás que se realizaron o pasado ano. No conxunto estatal, este dato subiu, no entanto, un 6,3%.

Pola súa banda, as presentacións co programa 'PAI' rebaixáronse tamén na comunidade galega, neste caso nun 8,34%, ata 67.423 —no estado baixaron un 7,07%—.

En canto ás declaracións por internet, 228.488, son un 0,48% menos na comunidade galega que hai un ano —161.082 con 'Renda WEB' e 67.406 con resto de declaracións—.

No que se refire ás declaracións a ingresar, xa se presentaron por parte de galegos 28.382, un 22,23% máis, por un importe que case alcanza os 22,19 millóns, un 24,24% máis.

Mentres, as devolucións solicitadas caeron un 7,17%, ata 193.554, e o seu valor situouse en 140,27 millóns, o que representa unha caída do 2,05%.

Como outros anos, recorda Hacienda, nas primeiras semanas de campaña pódese producir unha alta demanda no servizo de solicitude de cita previa, pero explica que o calendario de citas previas vaise abrindo progresivamente, de maneira que recomenda aos contribuíntes unha utilización paulatina do servizo.

AXENCIA TRIBUTARIA DE GALICIA. Pola súa banda, a directora da Axencia Tributaria de Galicia, Victoria González, dixo que a día de hoxe xa se superou a cifra de descargas do pasado ano por parte dos empregados públicos a través do seu sistema propio —foron unhas 57.500—, ao alcanzar as 65.500 referencias para acceder á aplicación de 'Renda WEB' no que vai de campaña.

Tamén indicou que este ano hai cinco novidades: a "mellora de tres deducións relacionadas co número de fillos" e dúas novas —sobre I+D+i e enerxías renovables—. Respecto das xa existentes, relatou algúns dos incrementos en deducións aprobados polo Goberno galego.

"Todas estas deducións", segundo contabilizou, suporán que os galegos aforrarán "ao redor de 8 millóns de euros por primeira vez" no IRPF de 2015, que se engaden ás —deducións— xa existentes".

Segundo dixo, de acordo cos últimos datos estatísticos, "son as do IRPF de 2013, as deducións aprobadas pola Xunta ao longo da súa historia e que están vixentes hoxe en día" e delas beneficiáronse 76.000 declarantes "por uns 17 millóns". "Xa que logo estas cinco incrementarán 8 millóns esas cantidades", profundou.

Para rematar, "aínda que aínda non ten reflexo nesta campaña", recordou que a Xunta para 2016 aprobou unha nova escala aplicable ao tramo autonómico da renda.

Comentarios