900 103 107, o teléfono de Sonia Iglesias

A familia de Sonia Iglesias, desaparecida en Pontevedra hai seis meses, habilitou o número gratuíto 900 103 107 para que quen teñan información que poida axudar á investigación sobre o seu paradoiro teñan unha vía onde fornecela de forma anónima. Un contestador automático rexistrará as mensaxes, que analizarán a continuación expertos da policía, informaron fontes próximas á familia.

A última información sobre o caso chegou a finais de xaneiro, dous días despois de que se cumprisen cinco meses da súa desparición. O carné de conducir da moza pontevedresa foi achado diante da súa casa, e as primeiras hipóteses apuntaron a que alguén o colocou de xeito intencionado baixo un Peugeot 206 que estaba estacionado na rúa Campo da Torre. No número tres da mesma atópase o edificio no que residía Sonia coa súa parella, Julio A.

Tras tomar declaración á propietaria do coche, a empregada dun establecemento radicado nesa rúa, a policía insistiu daquela en que a investigación sobre a desaparición da moza continúa. O mesmo dixo Antón Louro, o delegado do Goberno en Galicia, quen recoñeceu que é un caso no que existen "máis sombras que luces".

Sonia Iglesias Eirín, de 38 anos, nai dun neno de nove, encargada da sección de muller de Massimo Dutti de Pontevedra, falta do seu domicilio desde o 18 de agosto, de onde saíu á primeira hora da mañá para realizar recados no centro da cidade, antes de acudir ao seu traballo. O 18 de febreiro cumpríronse seis meses desde que a muller foi vista por última vez. A súa familia sostén que desapareceu contra a súa vontade e pola acción dun coñecido.

Comentarios