Guillerme Vázquez non se arrepinte do seu paso pola portavocía do BNG

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, que deixará este cargo na Asemblea Nacional que a súa formación celebrará en marzo, afirmou hoxe que non se arrepinte de asumir tal responsabilidade e do seu paso como máximo responsable da formación nacionalista. "Fixen o que en conciencia crin que tiña que facer, non estou nada arrepentido", dixo Vázquez, e matizou que asume o principio: "todos somos necesarios, ninguén é imprescindible".

O aínda portavoz nacional do BNG fixo estas declaracións nun almorzo informativo no que acompañou ao portavoz do BNG no Concello de Santiago, Rubén Cela, para falar da situación do consistorio por mor da imputación xudicial de varios membros do equipo de goberno local.

Sobre o seu cargo como máximo dirixente do BNG e o pau sufrido pola súa formación nas eleccións autonómicas celebradas en outubro do ano pasado, Vázquez afirmou que "asumín as miñas responsabilidades", á vez que se mostrou partidario de dar "paso á xente nova".

Ante a celebración a mediados de marzo da Asemblea Nacional extraordinaria do BNG, Guillerme Vázquez asegurou que non quere "facer de comentarista das posicións de ninguén" e defendeu a súa convicción "absoluta" de que na formación que milita as decisións se adopten democraticamente. "Non hai ningunha organización que permita a toma de decisións democraticamente como se permite no BNG, onde todos os afiliados teñen a capacidade de votar e elixir", aseverou.

En opinión do portavoz nacional do BNG, "o que salga da Asemblea Nacional será o produto do que decida a maioría do BNG democraticamente". "Teremos acerto ou non, segundo o noso mellor leal saber e entender, pero será democrática e será absolutamente maioritaria, porque non pode ser doutra forma", engadiu.

Por outra banda, e ao ser preguntado polas declaracións do líder dos socialistas cataláns, Pere Navarro, que pediu ao Rei Juan Carlos que abdique, o portavoz do BNG opinou que para el "a monarquía non ten ningún sentido; nunca o tivo para nós e menos no século XXI", afirmou. "Aquí non se trata de pedir a abdicación do monarca para substituílo por outra monarca a ver se así se mantén a monarquía. Para nós a cuestión non vai por aí, vai porque non haxa monarquía e, se me apuran, pola república de Galicia", manifestou con certa ironía.

Comentarios