O Grove, en restricións máximas, estala: "É unha decisión política, non sanitaria"

O alcalde recorda que Sanxenxo e Viveiro tamén están por encima dos 500 casos de incidencia acumulada
Terrazas en O Grove. ADP
photo_camera Terrazas no Grove. ADP

"Manter O Grove no nivel máximo de restricións de covid é unha decisión política, non sanitaria". Así de taxativo se mostrou o alcalde do municipio, o socialista José Cacabelos,  que valorou de forma "moi negativa" as decisións sobre a evolución epidemiolóxica tomadas polo comité clínico este martes. "A etiqueta é unha laxa, un estigma", denunciou. 

E é que o municipio pontevedrés é o único concello galego que permanecerá no nivel máximo de restricións a partir deste sábado, cando se apliquen os cambios de niveis acordados o martes.

Como consecuencia desta situación, no Grove, os locais de lecer nocturno só terán servizo de terrazas con aforamento ao 50% e ata as 1.00 horas, e o resto de hostalería poderá ocupar o 30% do seu aforamento en interior (con requirimento de certificado covid aos clientes) e o 50% en terrazas. Igualmente, as reunións de grupos de persoas se limitarán a 6 en interior e 10 en exterior, e non se permitirán reunións de non convivientes entre as 1.00 e as 6.00 horas. 

"Síntoo, pero os argumentos dados polo conselleiro de Sanidade non me valen", insistiu Cacabelos sobre as explicacións ofrecidas este martes por Julio García Comesaña en rolda de prensa, que cualificou de "indignantes". 

O rexedor municipal ha recordado que son tres –O Grove, Sanxenxo e Viveiro– os concellos que superan os 500 casos de incidencia acumulada a 14 días e que están por baixo dos 250 a sete días, "pero o único que non baixa de nivel é O Grove". 

"Cando lle pregunto ao conselleiro dime que a nosa evolución é positiva, pero que Sanxenxo ten unha lixeiramente máis favorable, que achaca a brotes, vínculos familiares, etc. Criterios subxectivos e non meramente obxectivos como son os datos", apuntou Cacabelos, que lamenta a "laxa" coa que carga agora O Grove. 

"A pesar de presentar datos similares, somos os únicos en nivel máximo e iso, por moito que o conselleiro diga que as medidas son parecidas ás do nivel alto, é un estigma, unha laxa para a xente que xa se pensa se vir ou non. Estamos marcados como punto negro de Galicia", denunciou o alcalde. 

Neste sentido, José Cacabelos sinalou que algúns hoteis locais, ao pouco tempo de comparecer Comesaña este martes en rolda de prensa, recibiron múltiples mensaxes de turistas preguntando se se podería visitar O Grove este fin de semana –"a fin de semana grande de agosto"– e se deberían cancelar, entre outras cuestións.

Comentarios