Gonzalo Caballero esgrime o seu "compromiso" co Parlamento tras perder as primarias

González Formoso subliña que o proceso electoral interno "xa terminou" e insiste en que integrará
Pleno del parlamento
photo_camera Gonzalo Caballero, no pleno deste mércores do Parlamento galego. PEPE FERRÍN (AGN)

Pasadas as primarias polo liderado do PSdeG, tras as que virá o congreso do partido de comezos de decembro, Gonzalo Caballero xa deixara claro o seu propósito de continuar na Cámara. E, por se había dúbidas, este mércores reafirmouno no que foi a súa primeiro cara a cara no Parlamento galego con Alberto Núñez Feijóo tras as eleccións internas nas que perdeu ante Valentín González Formoso

"O meu compromiso con Galicia e con este Parlamento é e vai ser inquebrantable. Vou seguir traballando polos galegos alí onde nos puxeron, na oposición ao PP. E pídolle que goberne onde o puxeron os galegos, á fronte da Xunta, facendo as mellores xestións e buscando as mellores posibilidades para Galicia. Ese é o gran reto", dixo no seu cruzamento de intervencións con Feijóo. 

De feito, nun debate centrado nos fondos Next Generation, no que o presidente da Xunta afeou ao Goberno central que non desvele as condicións concretas que a UE impón para o acceso aos mesmos e tamén alertou da posible implantación de peaxes nas autovías, Caballero subliñou a súa vontade de "defender" os galegos cando sexa preciso. 

"E se as condicións que marquen as institucións europeas expoñen que hai que establecer peaxes nas autovías galegas, eu xa lle digo que iso non vai estar nas miñas prioridades nin na miña forma de establecer a reactivación", anticipou o portavoz socialista, quen, ao tempo, recoñeceu o seu "aplauso" a un Goberno central que "inviste máis" na comunidade e baixa as tarifas da AP-9. 

O horizonte está no congreso do PSdeG que se celebrará os días 7 e 8 de decembro

Caballero segue como portavoz do grupo parlamentario socialista e non fixo ningún xesto que evidencie a súa disposición, polo menos inminente, a deixar este posto. O horizonte está no congreso do que sairá a nova dirección dos socialistas galegos, que encabezará Formoso, que se celebrará os días 7 e 8 de decembro.

Neste contexto, a alegación de reivindicación do "seu compromiso inquebrantable" con seguir na Cámara chegou na segunda intervención de Caballero, nunha sesión de control na que Feijóo optou por non atacalo nin facer especial fincapé na súa derrota no proceso interno dos socialistas. 

Iso si, tras as proclamas de Caballero e entre as risas das bancadas populares, Feijóo ironizou con que "quedou claro" a mensaxe que pretendía transmitir o socialista, en relación á súa vontade de continuar na Cámara. El, pola súa banda, garantiu que "seguirá escoitando con atención" o que lle traslade. 

Formoso enmarca a decisión de Ferraz sobre o comité organizador do congreso na "normalidade" tras unhas primarias

Na conta atrás para o congreso, o novo secretario xeral electo do PSdeG, Valentín González Formoso, defendeu que a decisión da Comisión Executiva Federal do Partido Socialista de destituír o comité organizador do conclave que fora designado baixo a dirección de Gonzalo Caballero entra dentro da "normalidade" despois dun proceso de primarias.

Tras participar nun acto en Ames e preguntado polas declaracións nas que a contorna do ata agora líder denuncia "purgas" pola destitución do comité, Formoso subliñou que "o proceso de primarias xa terminou" coas votacións do 30 de outubro. "E polo tanto, a militancia o que quere é que empecemos a falar de Galicia, do proxecto de país, que empecemos a ilusionar outra vez a Galicia, que é para o que fomos escollidos", afirmou. 

Tras iso, considerou que, logo dun proceso de primarias "no que hai intensidade nas formulacións", agora débense de vivir "con normalidade os axustes que se produzan".

Ademais, o tamén presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes insistiu na súa mensaxe de aposta pola integración de cara á composición da dirección do partido para os próximos catro anos. "Vai no meu ADN, é indiscutible", subliñou. "Imos conformar os órganos executivos dun partido que está chamado a convencer a Galicia de que a socialdemocracia e o socialismo é, sen dúbida, unha fórmula que ten que imperar na administración autonómica para que a igualdade de oportunidades e a xustiza social arraigue con forza neste país", argumentou. 

Receos da comisión de ética do PSdeG
A Comisión Nacional de Ética do PSdeG remitiu este mércores aos representantes das candidaturas dos que foron aspirantes ás primarias un comunicado no que critica que se dote de competencias sobre o persoal do partido e do grupo parlamentario o novo órgano formado para organizar o congreso de decembro. 

A actual Comisión de Ética, conformada no congreso que ratificou a Gonzalo Caballero en 2017, responde deste xeito á destitución do comité organizador para nomear unha nova comisión proposta por González Formoso. 

Comentarios