Gómez-Reino ve na súa relación con Iglesias unha vantaxe para Podemos Galicia

O político coruñés foi o primeiro en postularse para liderar a formación despois de que se convocase a III Asemblea Cidadá

Tone Gómez-Reino. AEP
photo_camera Tone Gómez-Reino. AEP

O aspirante a liderar Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, considera necesario limar as diferenzas xurdidas nos últimos anos na organización galega, polo que considera que unha boa interlocución coa dirección que encabeza Pablo Iglesias, como a que el ten, sería unha vantaxe.

Gómez-Reino foi o primeiro en postularse para liderar Podemos Galicia despois de que se convocase a III Asemblea Cidadá, un proceso que culminará a finais de mes nunha votación na que competirá cunha das fundadoras do partido, Carolina Bescansa, enfrontada con Iglesias tras publicase un documento co seu plan para facerse coa Secretaría Xeral do partido.

Por mor dese suceso, a compostelá Carolina Bescansa quedou relegada a un posto secundario dentro de Podemos, polo que Gómez-Reino opina que contar cunha dirección autonómica do partido enfrontada coa estatal sería prexudicial para todos. "Eu creo que ou que é importante en política é xerar confianza. É positivo que se xere confianza tanto na dirección a nivel do Estado como dentro das sensibilidades que existen dentro do partido", respaldos cos que, segundo el, a súa candidatura conta, a diferenza da de Bescansa, segundo subliña nunha entrevista con Efe.

Gómez-Reino sinala que a súa proposta foi traballada con bases, "militantes, círculos e cargos orgánicos e institucionais" do partido e que conta cunha "interlocución" fluída que cre que permitirá "recuperar Podemos" e volver facer que sexa unha parte "fundamental" do espazo de cambio en Galicia.

O aspirante a pilotar o proxecto da formación morada na comunidade considera que Podemos debe ser "unha ferramenta útil aberta á sociedade galega e pensada desde a sociedade galega", polo que reivindica a súa vinculación cos movementos sociais xurdidos nos últimos 20 anos en Galicia, fronte á traxectoria dunha Bescansa que leva moitos anos asentada en Madrid. "Eu vivo en Galicia, na Coruña. Por todos é coñecido", presume Gómez-Reino que, aínda que conta con acta de deputado no Congreso, todas as semanas viaxa a Galicia e que estima que "dirixir Podemos desde Madrid non é o que necesita esta organización agora mesmo".

Por iso, polo menos de momento, aínda que resultase elixido secretario xeral, continuaría como deputado no Congreso, vendo a Cámara Baixa tamén como un escenario onde defender as demandas de Galicia.

Gómez-Reino asumiría o reto de liderar Podemos en Galicia como unha ilusión, pero consciente de que hai aspectos que reconducir tras uns anos nos que, ao seu xuízo, a dirección encabezada por Carmen Santos "abandonou" os círculos e militantes, facendo de Podemos unha organización cun poder "vertical que nada ten que ver coa nova política". "É evidente que había un abandono das bases, non se estaba traballando politicamente ben coa militancia" e, por iso, o proxecto de Gómez-Reino busca que "os círculos volvan contar".

Todos os integrantes de Podemos, remarca, son imprescindibles para que o partido sexa "un motor absolutamente de referencia no espazo de cambio no país".

Comentarios