Cae unha rede de pornografía infantil internacional con tres lucenses implicados

Hai 16 detidos ou investigados e máis de 400 identificados

A Garda Civil, coa colaboración de Interpol e Europol, desarticulou no marco da operación Tygra unha rede internacional de pornografía infantil tras a detención ou investigación de 16 persoas en España, tres deles lucenses, e a identificación de máis de 400 usuarios procedentes de distintos países.

Os implicados da provincia lucense son dos concellos de Cospeito, Taboada (un mozo de 25 anos) e Carballedo. Ademais, na comunidade galega outras tres persoas foron arrestadas nas localidades pontevedresas de Bueu, Vigo e Ponteareas.

Os integrantes da rede presuntamente producían e distribuían o material pedófilo a través de internet e do servizo de mensaxería de Whatsapp en Galicia, Barcelona, Madrid, Salamanca e Cádiz. Trátase dunha das maiores operacións contra a pornografía infantil desenvolvida polo Instituto Armado en Galicia nos últimos meses. A investigación partiu en outubro de 2017 a partir da detención en Vilaboa (Pontevedra) dun home de 42 anos que estaba en posesión dunha serie de ficheiros relacionados coa explotación sexual infantil compartidos en grupos de Whatsapp.

Por mor destas pescudas foron detectados tres chats, 420 usuarios de España e doutros 26 países de distintos continentes, grazas á colaboración de Europol e Interpol, así como unha importante cantidade de arquivos compartidos. 

O acceso a estes grupos facíase a través de distintas ligazóns que se podían obter por medio dos respectivos administradores dos chats ou a través de determinadas páxinas web ou redes sociais, como Facebook.

REXISTROS. Nos 15 rexistros domiciliarios practicados, a Garda Civil interveu 37 teléfonos móbiles, oito ordenadores, 15 discos duros, catro cámaras e 11 soportes ópticos con imaxes extremadamente crúas de menores de 1 a 15 anos. 

Segundo confirman desde o Instituto Armado, a operación Tygra continúa aberta para analizar minuciosamente todo o material intervido ao obxecto de poder determinar a existencia dun posible delito de produción de material pedófilo, coñecer as identidades das vítimas e pescudar, no seu caso, as posibles conexións con outros usuarios. 

A operación correu a cargo da unidade orgánica de policía xudicial da Garda Civil de Pontevedra baixo a dirección do Xulgado de Instrución número 3 de Cangas do Morrazo.