lunes. 09.12.2019 |
El tiempo
lunes. 09.12.2019
El tiempo

Gelo colle estrada e manta contra Fomento

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, comezou este mércores unha acampada que durará dous días nunha furgoneta aparcada na Nacional VIN. CABALAR (Efe)
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, comezou este mércores unha acampada que durará dous días nunha furgoneta aparcada na Nacional VIN. CABALAR (Efe)
O alcalde de Oleiros acampa na N-VI para esixir a contratación de obras viarias no concello e a comarca

Se algo deixaron claro os seus 34 anos gobernando Oleiros é que a Ángel García Seoane, Gelo, nin se morde a lingua nin lle treme o pulso para realizar protestas insólitas. A última, que comezou onte, é a de levar a cabo unha acampada de dous días en furgoneta na Nacional VI para evidenciar "o menosprezo" do Ministerio de Fomento e demandar a contratación das obras pendentes na comarca da Coruña.

O rexedor de Alternativa dos Veciños —que aproveitara o pleno da Deputación da Coruña do pasado día 25 para solicitarlle o permiso de acampada ao seu presidente, ao tratarse dunha estrada baixo titularidade do ente provincial— vivirá así dous días sobre asfalto nunha furgoneta rotulada cun Sol e Mar, obras xa! para criticar que esta intersección entre unha vía provincial e outra autonómica, situada no núcleo de Perillo, cumpre dous anos con biondas e restricións no tráfico á espera de que se licite a construción dun túnel na zona; unha contratación que, ademais, o Concello solicitou en 2004.

O "engano", atacou, é cousa nada menos que de ata "tres presidentes do Goberno distintos", incluído un Executivo "en funcións, cun orzamento prorrogado", que "puido contratala e non ou fixeron". Proba destas recriminacións son os paneis informativos do Concello, nos que denuncia a situación e onde, nos últimos tempos, o rostro de Mariano Rajoy quedou substituído polo de Pedro Sánchez —cunha tregua nas últimas xornadas, iso si, para evitar acusacións de electoralismo—.

Con todo, a loita de García Seoane non só ten que ver cos traballos nunha vía onde, indicou, pasan uns 90.000 vehículos ao día. Segundo proclamou, tamén é necesario que Fomento contrate a mellora das infraestruturas viarias en toda a comarca, como a ampliación da ponte da Pasaxe, a de Afonso Molina no acceso á Coruña e a conexión da Vía Ártabra coa AP-9.

Por agora, o alcalde confía en que os recentemente elixidos deputados de BNG e Galicia en Común poidan defender nos próximos orzamentos estatais "á gran esquecida" de Galicia, pero se isto non sucede no prazo "de seis meses", aínda se garda un as na manga: presentar unha candidatura de Alternativa dos Veciños aos comicios galegos do ano que vén.

Gelo colle estrada e manta contra Fomento
Comentarios