Gastronomía e artesanía, na Semana Santa da Pontenova

Paralelamente ás festividades de Semana Santa, durante os días 22 e 23 de abril, celebrarase no concello lucense da Pontenova a XXXIII Festa da Troita e do Salmón, que nesta ocasión coincide cun mercado de artesanía e antigüidades que terá lugar na mesma localidade.

Esta celebración ten a súa orixe no Centro de Iniciativas Turísticas que, coa finalidade de promover o turismo no pobo, leva organizando a cita desde o ano 1978. Francisco Javier Rois, presidente da devandita institución, móstrase optimista con esta nova edición, "a festa sempre tivo moi boa acollida, así que se o tempo acompaña, esperamos que teña o éxito doutros anos", apunta.

Na mostra gastronómica participarán todos os bares e restaurantes da cidade, un total de 20, e serán repartidos 110 quilogramos de troita en tapas entre os visitantes, "aínda que se fai falta pedirase máis", apunta Rois.

Outro dos grandes atractivos da festividade é o concurso de pesca que se celebra paralelamente ás xornadas gastronómicas. "Nestes momentos hai uns 125 inscritos, o número é maior que o doutros anos porque tamén se incluíu unha nova modalidade de pesca a concurso: a pesca con cebo natural", declara o responsable do Centro de Iniciativas Turísticas.

Nesta edición, introduciuse como novidade a celebración dun mercado de artesanía e antigüidades, que conta cunha vintena de expositores da comarca. Os postos estarán abertos de 10 a 14 h. e de 16 a 21h. nas xornadas do 22 e 23 de abril, coincidindo así coa mostra gastronómica.

Comentarios