Galicia volve perder poboación en 2016

O IGE sitúa o número de defuncións en 31.473 o pasado ano e segue a baixada de nacementos, con 19.952
El saldo vegetativo continúa siendo negativo en Galicia
photo_camera El saldo vegetativo continúa siendo negativo en Galicia

Os datos provisionais do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o movemento natural da poboación en 2016 ratifican o empeoramento do saldo vexetativo entre nacementos e mortes na comunidade.

En concreto, o número de defuncións o ano pasado foi 31.473, un valor moi similar ao rexistrado en 2015. Por outra banda, o número de nacementos segue o descenso iniciado no ano 2009 e sitúase en 2016 en 18.952.

A diminución dos nacementos acompañado dunha cifra similar nas defuncións provoca un novo incremento do saldo vexetativo en Galicia no último ano, que pasa de -12.057 en 2015 a -12.521 en 2016. Fai máis de 25 anos que Galicia non presenta un saldo vexetativo positivo.

En detalle, o número de nacementos situouse en Galicia en 2016 en 18.952, un 2,5 por cento menos que os rexistrados en 2015. No período 2010-2016, todas as provincias presentan unha diminución do número de nacementos.

O 79,7 por cento dos nacementos de 2016 corresponden a nais con residencia nas provincias da Coruña e Pontevedra.

ATRASO NA IDADE DA NAI. Os datos dos nacementos segundo a idade da nai constatan o atraso na idade á que as mulleres galegas teñen os seus fillos. Así, en 2016 o 78,2 por cento dos nacementos en Galicia foron de nais de 30 ou máis anos de idade; mentres os nacementos nese grupo de idade representaban hai dez anos o 65,4 por cento.

No ano 2016, os nacementos de nais de 40 e máis anos representan xa o 10,2 por cento do total de nacementos, fronte ao 4,1 por cento de 2006.
En canto ás defuncións, das 31.473 computadas polo IGE, o 47 por cento correspóndense a persoas de 85 e máis anos.

MATRIMONIOS. En 2016, rexistráronse en Galicia 8.956 matrimonios, 141 entre persoas do mesmo sexo. Nos matrimonios de diferente sexo, constátase tamén un atraso nas idades ás que casan.

Así, en Galicia o ano pasado o 76,3 por cento das mulleres e o 85,8 por cento dos homes tiñan 30 e máis anos. Hai dez anos, estas porcentaxes situábanse no 47,8 por cento e no 62,6 por cento respectivamente.

Comentarios