Galicia volve conxelar as taxas universitarias e segue á cabeza das autonomías "máis baratas"

O Consello da Xunta aprobou seis novos currículos de FP básica, entre eles de panadería e actividades domésticas, e un máis de ciclo superior
Consello da Xunta
photo_camera Consello da Xunta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou este mércores, tras a reunión semanal do seu Executivo, que Galicia seguirá á cabeza das comunidades con taxas universitarias "máis baratas", xa que proporá unha vez máis, para o curso 2017-2018, a conxelación de todos os prezos para os títulos de graos e máster.

"Proporemos de novo conxelar as taxas, como fixemos desde que chegamos nos títulos de grao e na súa totalidade nos últimos cinco anos", aseverou Feijóo, quen cifrou nunha media duns 1.400 euros o aforro das familias por estudante durante os catro anos de grao.

No caso dos graos universitarios, Feijóo subliñou que o prezo medio das primeiras matrículas de grao —que representan o 78 por cento do total— mantéñense en 11,89 euros por crédito, o "máis baixo" de España e menos da metade dos 25,14 euros de comunidades como Cataluña.
No caso dos máster, os prezos son "os segundos máis baixos", cunha media de 26,49 euros, 11 euros/crédito menos que a media estatal e lonxe dos 65,87 de Cataluña.

Feijóo subliñou que esta iniciativa forma parte dun paquete de medidas de apoio aos estudantes universitarios, xa que, ademais da conxelación das taxas, tamén se convocará un ano máis a liña de axudas para o inicio e continuación de estudos, dirixida a quen non cumprisen os requisitos académicos adicionais esixidos polo Ministerio.

Así mesmo, manterase a convocatoria das axudas dirixidas a causas imprevistas e que poidan afectar á continuación dos estudos universitarios. E convocarase tamén a liña específica de axudas para o inicio de estudos de máster para persoas en situación de desemprego.

NOVOS CURRÍCULOS DE FP. Así mesmo, o Consello a Xunta aprobou este mércores seis novos currículos de Formación Profesional (FP) básica e un máis de ciclo superior. Deste xeito o número de títulos de FP que o Goberno galego sacou desde 2009 elévase xa aos 112, aos que hai que sumar os 27 currículos de PF básica elaborados ex novo, incluídos os que recibiron este mércores luz verde.

Os títulos autorizados fan referencia á organización e control de obras de construción, actividades de panadería e pastelería, actividades domésticas e limpeza de edificios, mantemento de vivendas, fabricación de elementos metálicos, instalacións electrotécnicas e mecánica, e mantemento de embarcacións deportivas e de recreo.

Comentarios