Galicia rexistra un sinistro en coche e vivenda cada dous minutos

Segundo datos divulgados polas aseguradoras, con motivo da entrega dos premios Galicia Segura, rexístranse 290.000 sinistros en vivendas e 235.000 reparacións de vehículos ao ano

Galicia rexistra un sinistro en vivendas ou en coches cada dous minutos, segundo datos divulgados este mércores por asociacións de compañías con motivo da entrega dos premios Galicia Segura.

O director do Inade, entidade organizadora destes premios anuais a profesionais do sector do seguro, Adolfo Campos,  fixo estas observacións na entrega dos galardóns á que acudiu a presidenta da asociación empresarial do seguro Unespa, Pilar González, que é tamén a presidenta do xurado.

Campos informou de que anualmente Galicia rexistra un total de 290.000 sinistros en vivendas aseguradas, polo que "non pasan dous minutos sen que se abra un expediente" nese sentido. Segundo Inade, a maioría deles son relativos a "pingueiras" por problemas en canalizacións. A iso hai que engadir outros 300.000 casos de riscos diversos, dos cales 60.000 relativos a comunidades de veciños.

Ademais, segundo un estudo efectuado nos últimos dezasete anos, en Galicia hai unha media de 235.000 reparacións de vehículos asegurados por ano, das que uns 100.00 son da provincia da Coruña, 90.000 na de Pontevedra, 23.500 na de Lugo e algo máis de 21.000 da de Ourense. Campos subliñou así que "cada dous minutos entra nun taller de reparación un vehículo asegurado".

á entrega de premios acudiu o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, que previamente recibiu aos galardoados, do mesmo xeito que o fixo esta mañá o alcalde da capital galega, Agustín Hernández. Os premios atribuídos a profesionais do sector de seguros teñen lugar coincidindo coa celebración do Día Mundial do Seguro, que se conmemora mañá.

Comentarios