O paro baixa en Galicia en 6.000 persoas no 2007

Foto: Otto. AGN
photo_camera Foto: Otto. AGN

Galicia finalizou 2007 cunha taxa de paro do 7,47%, o que sitúa á comunidade galega un punto por baixo da media estatal (8,6%). Ademais, esta cifra tamén mellora os resultados do ano anterior, xa que Galicia pechou o 2006 cunha taxa de desemprego do 8,05%, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA).

En concreto, a comunidade galega rexistra ao termo do cuarto trimestre de 2007 un total de 96.500 persoas que buscan emprego de forma activa, o que supón unha redución de 6.000 desempregados respecto dos 102.500 parados que tiña a comunidade galega no mesmo período do ano anterior. No entanto, Galicia gañou 9.000 parados nos últimos tres meses.

En conxunto, o número de parados nos últimos doce meses reduciuse un 5,8% en Galicia, mentres que no resto de España incrementouse un 6,46%. En todo o Estado, a EPA contabiliza máis de 1,92 millóns de persoas que buscan emprego de forma activa, o que representa un incremento de 117.000 desempregados respecto ao último trimestre de 2006

Segunda comunidade onde máis baixa
Galicia é a segunda comunidade na que máis descendeu o desemprego durante o pasado ano en termos absolutos -6.000 persoas-, só superada polo País Vasco, onde a cifra de desempregados se reduciu en 10.400 persoas.

En contraste, os datos da EPA sinalan que a rexión con peores resultados nos últimos doce meses foi Andalucía, que gañou 85.500 parados en 2007, seguida da Comunidade Valenciana (20.000), Baleares (16.700) e Estremadura, onde a cifra de persoas que buscan emprego de xeito activo se incrementou en 10.000 desempregados.

O paro feminino duplica ao masculino
A pesar desta evolución positiva, a enquisa que elabora o INE pon de manifesto que en Galicia se manteñen outros datos máis preocupantes respecto da evolución do mercado laboral. Así, a taxa de paro feminino na comunidade galega (9,82%) case duplica á masculina, que apenas chega ao 5,61%.

De feito, o maior continxente de parados segue estando representado por mulleres -un total de 55.900 galegas buscan emprego de xeito activo-, fronte aos 40.600 homes na mesma situación.

A taxa de actividade entre os homes galegos elévase ata o 63,55%, un indicador que cae ata o 45,6% no caso das mulleres.

Evolución por provincias
Segundo os datos da EPA, A Coruña e Pontevedra son as provincias galegas que acumulan un maior número de desempregados, xa que rexistran 45.500 e 34.400 persoas que buscan emprego, respectivamente. Esta cifra reduciuse, ao termo de 2007, a 9.000 parados en Lugo e a 7.600 desempregados na provincia de Ourense.

En canto á taxa de paro, a máis alta correspóndese coa provincia da Coruña (8,44%), seguida de Pontevedra (7,54%), Lugo (5,97%) e Ourense, cuxo índice de desemprego situouse ao termo do pasado ano no 5,2%.

Comentarios