Santalices: "Galicia sempre firma co galeguismo harmónico, onde todos estamos integrados"

O ourensán Miguel Ángel Santalices será por catro anos máis presidente do Parlamento, posto dende o que defende o diálogo e o consenso, que considera máis necesarios que nunca.
Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento.
photo_camera Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento.

Como é o seu balance da lexislatura?
Eu entrei substituíndo a Pilar Rojo en xaneiro de 2016. Tivemos unha tarea lexislativa importante, debatéronse cuestións de gran transcendencia. A lexislatura estivo marcada pola escisión do grupo parlamentario En Marea, provocando que algúns deputados pasen ao grupo mixto. En canto ao traballo realizado, penso que se acadaron uns niveis de consenso razoables. Foi unha lexislatura caracterizada polo diálogo, sen momentos de tensión grande.

Vostede remarca sempre a importancia do consenso.
E agora aínda máis, porque estou convencido de que esta será a lexislatura das persoas. Haberá temas para os que nos poñeremos facilmente de acordo e outros para os que deberemos estar á altura da confianza depositada pola xente.

É o máis veterano da Cámara. Pode significar isto un factor determinante?
Eu entrei no 97, esta é xa a miña sétima lexislatura. Ninguén coñece o Parlamento coma min, e este longo percorrido dame unha visión integral e a posibilidade de comparar etapas antigas e actuais. Sei en que momentos reconducir o debate en favor da harmonía parlamentaria, posta á disposición do cidadán.

"A pasada foi unha lexislatura marcada pola escisión do grupo En Marea. E caracterizada polo diálogo"


Que imaxe teñen os galegos do Parlamento de Galicia?
Nos últimos tempos levamos a cabo unha política de portas abertas no Parlamento co obxectivo de que sexa máis coñecido, e creo que o estamos conseguindo. Visítannos moitos colexios, e chegan 30.000 nenos ao ano. Polo orden no que o pidan, pagámoslles a viaxe para que coñezan o Parlamento e o Goberno, as dúas institucións. E eses nenos falan despois e cóntanlle aos seus avós. Isto fíxonos máis coñecidos, o cal é importante porque quen lexisla ten un impacto directo na cidadanía.

Onde deben estar o Parlamento galego e a clase política nestes momentos?
Coas persoas. Temos que volcarnos en axudar á xente que o está pasando mal. O sufrimento é grande e pode ser aínda maior.

Como valora a situación da sanidade galega?
En Galicia a sanidade mellorou moito. Eu vivín a situación antes e despois da transferencia sanitaria ás comunidades, e o cambio foi extraordinario: construíronse hospitais, creáronse unidades específicas que non tiñamos… Recordo que os galegos tiñan que ir a Santander para operarse o corazón, porque non había ningunha unidade para a cirurxía cardiaca en Galicia. Agora hai tres. No que respecta ao covid, Galicia foi un exemplo, separando os servizos de urxencias entre patoloxías con síntomas compatibles coa covid e non compatibles. Temos que ser precavidos, para que os contaxiados non medren exponencialmente.

Cal é o futuro de Galicia?
Ser unha comunidade onde a xente convive de xeito harmónico, cousa que non pasa noutras comunidades. Caracterizámonos pola tranquilidade coa que vive a xente, e traballamos con políticas culturais que son ben entendidas pola xente e non provocan tensións. Oxalá o futuro sexa manter a tranquilidade nun sendeiro de progreso. Nós falamos a nosa lingua sen ningún problema e respectámola e querémola. Desexamos ademais traballar na conservación do noso entorno.

"Prefiro quedarme coa imaxe de Juan Carlos I cando nos salvou do golpe do Estado, que con cousas menos agradables"

Cre que os galegos premiaron ao galeguismo, cos bos resultados de PP e BNG e a exclusión de Vox, e que saíu reforzado o sector máis galeguista do PP?
Eu creo que Galicia sempre firma co galeguismo sen tensións, harmónico, onde todos estamos integrados, orgullosos da nosa lingua e cultura. A xente valora moito que as nosas propostas non descoiden o sentimento galeguista. Alégrome porque son un galeguista convencido. E é moi oportuno seguir esta liña de traballo, onde a xente se sinte cómoda.

Como valora os derradeiros resultados electorais, onde o Partido Popular acadou a maioría absoluta?
Foron moi bos. A cidadanía valora moito as propostas argumentadas. O pobo galego ten a capacidade de discernir cal é a mellor elección.

É un dos temas da actualidade. Que opinión ten sobre a saída de España do rei emérito?
Ese non é o Juan Carlos I co que quero quedarme. Recordo perfectamente o golpe de Estado do 81. Estaba co meu pai nun bar en Bande, e tamén case a metade do pobo concentrado nel. E recordo a imaxe do rei e a tranquilidade que me transmitira. O meu pai era boticario en Bande e moita xente xa preguntaba se podería vir á nosa casa, que estaba na fronteira, para desde ela fuxir a Portugal. E entón o rei transmitiu a tranquilidade que nese momento ningúen tiña. Prefiro quedarme con esa imaxe, co momento no que salvou o golpe de Estado, que con cousas menos agradables.

Comentarios