Galicia, a segunda comunidade con máis mortes prematuras pola contaminación das térmicas

Asturias está á cabeza con 8,37 falecementos por cada 100.000 habitantes

Central de ciclo combinado de Endesa en As Pontes. AEP
photo_camera Unha central térmica. AEP

Galicia é a segunda comunidade con maior incidencia de mortes prematuras pola contaminación de centrais térmicas do carbón, segundo un estudo do Instituto Internacional de Dereito e Medio Ambiente (Iidma). 

As comunidades do noroeste son as que presentan a maior incidencia, debido a que a concentración na atmosfera de axentes contaminantes é superior ao resto. Asturias está á cabeza, con 8,37 mortes prematuras por cada 100.000 habitantes, seguida de Galicia con 3,48 falecidos por cada 100.000. 

As probabilidades de morrer en Galicia pola contaminación derivada do carbón son 4,4 veces máis que para un habitante de Castela-A Mancha

O caso é que, segundo este baremo, as probabilidades de falecer en Galicia pola contaminación derivada do carbón son 4,4 veces máis que para un habitante de Castela-A Mancha, por exemplo. 

Debido a como se move esa contaminación, a pesar de que as dúas térmicas existentes en Galicia están a provincia da Coruña (Meirama e As Pontes), a maior incidencia apréciase nas provincias de Ourense e Lugo. 

Segundo este informe do Iidma, en España producíronse en toda España 1.529 mortes derivadas da contaminación emitida por 15 centrais térmicas, con máis de 20.000 episodios de asma nenos e perdas económicas de ata 3.568 millóns de euros. 

Por todo iso, o estudo Un escuro panorama: as secuelas do carbón insta as autoridades a tomar medidas urxentes para, "como moi tarde", que 2025 sexa data límite para o fin do carbón en España. 

Comentarios