Os divorcios medraron un 1,5% en Galicia no 2017 ata os 5.419

O 37,7% das parellas levaban casadas 20 anos ou máis

Divorcio. EP

Galicia rexistrou durante o ano pasado 5.419 divorcios, un 1,53% máis que en 2016; así como 193 separacións, o que supón un incremento do 2,11%. Ademais, tivo lugar unha única nulidade matrimonial. 

Así o evidencian os datos feitos públicos este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE), segundo os cales en Galicia se asinaron o pasado ano 82 divorcios máis que o anterior. 

Destes, o 73% –3.964– foron de mutuo acordo, mentres que 1.455 foron pola vía contenciosa. A maior parte, 5.403, foron de cónxuxes de distinto sexo, e 16 foron en parellas homosexuais. 

O 37,77% das parellas que se divorciaron en Galicia en 2017 levaban casadas 20 ou máis anos –2.047– e o 19% entre cinco e nove –1.057–. Ademais, 1.617 estiveran casados entre 10 e 19 anos, 520 entre dous e catro anos, 131 un ano e 51 menos dun ano. 

Do mesmo xeito, o 44,2% dos divorciados non tiña fillos dependentes no momento do divorcio e o 45% tiña fillos dependentes menores.

SEPARACIÓNS. Por outra banda, durante o ano 2017 asináronse en Galicia 193 separacións, un 2,11% máis que o ano anterior. Destas, o 83,9% foron de mutuo acordo. 

Por provincias, 77 foron en Pontevedra, 76 na Coruña, 22 en Ourense e 18 en Lugo. Do total de parellas separadas, o 79,2% –153– levaban casadas 10 ou máis anos, e 40 eran matrimonio entre dous e nove anos. Case o 55% non tiña fillos dependentes no momento da separación.

DATOS NACIONAIS. A nivel nacional, un total de 102.341 parellas divorciáronse, separaron ou obtiveron a nulidade civil en 2017, un 1% máis que no ano 2016, cando se rexistraron 101.294. Estas cifras supoñen unha taxa de 2,2 por cada 1.000 habitantes, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. Ademais, seguiu aumentando a custodia compartida, que pasou de representar un 28,3% en 2016 a un 30,2% en 2017. 

Por tipo de proceso, producíronse 97.960 divorcios, 4.280 separacións e 100 nulidades. Os divorcios representaron o 95,7% do total, as separacións o 4,2% e as nulidades o 0,1% restante. Por tipo de resolución, 65.799 casos resolvéronse por sentenza e 36.542 por decreto ou escritura pública. 

En concreto, o número de divorcios aumentou un 1,2% respecto ao ano anterior, mentres o de separacións diminuíu un 1,7% e o de nulidades un 14,5%. 

O 77,2% dos divorcios no ano 2017 foron de mutuo acordo e o 22,8% restante contenciosos. No caso das separacións, o 83,8%  fórono de mutuo acordo e o 16,2% contenciosas. 

A duración media dos matrimonios até a data da resolución foi de 16,6 anos, cifra lixeiramente superior á de 2016 (16,3 anos). Os matrimonios disoltos por divorcio tiveron unha duración media de 16,4 anos, mentres que a dos matrimonios separados foi de 22,7 anos. 
 

Comentarios