Galicia rexistra unha taxa de médicos colexiados inferior á media nacional

Galicia rexistrou no ano 2013 unha taxa de médicos colexiados por 100.000 habitantes de 473,3, fronte á media española de 501,1, segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE).

As comunidades autónomas con taxas superiores foron Madrid (631,5) e Aragón (616,2), mentres que os inferiores rexistráronse en Andalucía (401,9) e Castela-A Mancha (403,8).

En canto a enfermeiros, a media española é de 573,6 por 100.000 habitantes e Galicia conta con 511,8, nun ranking encabezado por Navarra, con 961,1, e País Vasco, con 713,1, e pechado por Murcia (378,4) e Andalucía (413).

MEDIA ESTATAL
O número de médicos colexiados en España (xubilados e en activo) aumentou un 1,7 % en 2013 (3.899 persoas), ata sumar 232.816 profesionais, mentres que o de enfermeiros fíxoo o 0,3 % (926) ata os 266.495, dos que 8.297 son matronas (un 4,6 %).

Así, se se inclúen os xubilados o número de médicos por cada 100.000 habitantes ascende a 501,1 e o de enfermeiros a 573,6 (75,7 matronas por cada 100.000 mulleres en idade fértil).

No resto de profesións sanitarias que recolle a Estatística de Profesionais Sanitarios Colexiados difundida hoxe polo INE tamén se incrementaron, especialmente os psicólogos (73,9 %) debido a que en 2013 continuou o proceso de recoñecemento desta especialidade e polo tanto, a súa inscrición nos colexios oficiais.

O menor aumento correspondeu aos enfermeiros que só creceron o 0,34 % (926 persoas).

As taxas de profesionais sanitarios colexiados por cada 100.000 habitantes sitúanse, excluíndo aos xubilados, en 133,2 farmacéuticos; 85,1 fisioterapeutas; 68,2 dentistas; 33,2 ópticos-optometristas; 26,7 psicólogos; 12,9 protésicos dentais; 13,3 podólogos; 13,3 logopedas; 4,3 dietistas nutricionistas; 3,8 terapeutas ocupacionais; 0,9 químicos e 0,1 físicos.

Segundo os datos do INE, o número de profesionais colexiados por habitante aumentou en todos os colectivos, con incrementos máis destacados no caso dos psicólogos (11,4 por cada 100.000 habitantes) e médicos (11,2). Pola contra, as que menos creceron foron as de protésicos dentais e podólogos (0,2 e 0,4, respectivamente).

Respecto da presenza da muller nas profesións sanitarias, en dez das quince analizadas hai máis mulleres colexiadas que homes. Ademais, nos casos de médicos, veterinarios, protésicos dentais e físicos con especialidade sanitaria, onde tradicionalmente hai máis presenza masculina, a diferenza entre ambos os sexos continuou acurtándose en 2013.

Os colectivos con maior porcentaxe de mulleres foron o de logopedas (93,8 %), terapeutas ocupacionais (92,4 %) e dietistas nutricionistas (89,6 %). Pola contra, as profesións sanitarias que contan con menor presenza feminina son os protésicos dentais (22,4 %) e físicos con especialidade sanitaria (31 %).

A presenza de mulleres aumenta a medida que se reduce a idade, de modo que, entre os menores de 45 anos, hai polo menos o 60 % de mulleres en cada unha das profesións sanitarias, exceptuando os protésicos dentais.

Comentarios