Galicia recibirá 22,2 millóns de euros de fondos estatais para "loitar" contra a pobreza infantil e o Plan Concertado, así como para axudas destinadas a entidades sociais a través do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF). Esta cifra supera en dous millóns a orzada polo Goberno no exercicio pasado.
Así o sinalou este xoves o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, ao termo da reunión extraordinaria do Consello Territorial de Servizos Sociais e Dependencia, celebrada en Madrid, con motivo da repartición de fondos estatais destinados a programas e axudas para entidades sociais.
Logo da reunión, Rey Varela mostrouse "relativamente satisfeito" cos resultados da mesma, xa que "o incremento das achegas do Estado é un punto positivo".
Por iso, explicou que "é necesario seguir traballando" para "avanzar nuns criterios de distribución" que atendan a características como a maior esperanza de vida e a dispersión da poboación que ten Galicia e que "fai necesaria unha maior achega do Estado".
Así, a modo de exemplo, recordou a iniciativa do Plan Concertado, que permite "mellorar os servizos sociais básicos e de proximidade do concello", ao que Galicia destina 12 millóns de euros, dos cales só 3 son achegados polo Goberno. "O esforzo que está a facer Galicia é moi superior ás transferencias económicas que recibe do Estado", apuntou.
CRITERIOS DE DISTRIBUCIÓN "MÁS HOMOXÉNEOS". Ademais, o conselleiro insistiu na "necesidade" de fixar "uns criterios máis homoxéneos e pactados coas comunidades autónomas na distribución dos fondos sociais" e "que se teña en conta non só a taxa Arope —que mide a pobreza e a exclusión social—, senón tamén aspectos poboacionais".
Así mesmo, advertiu do reducido que é o prazo que teñen as comunidades para a "xestión e repartición" dos fondos asignados entre as entidades que operan en cada territorio, así como de que este ano "non se suplementaron fondos ás autonomías para levar a cabo a xestión destas partidas".
Finalmente, durante a súa intervención na reunión, Rey Varela manifestou que "hai un compromiso de traballar nesta liña de avanzar en criterios obxectivos na distribución do IRPF e demais fondos sociais", xa que "as comunidades levan anos incrementando os orzamentos destinados a políticas sociais, a pesar das dificultades económicas dos últimos tempos".
VOTO FAVORABLE A AROPE. O conselleiro de Política Social xa avanzara previamente o voto favorable da comunidade galega á proposta do Ministerio de Sanidade de introducir a taxa Arope como criterio para a repartición dos 11 millóns de euros que se recadaron de máis con respecto ao ano anterior, a través da casa do 0,7% do IRPF para fins sociais.
Con todo, explicou á entrada do Consello Territorial de Servizos Sociais que a Xunta absteríase no punto sobre a repartición do IRPF, de acordo ao modelo de dobre tramo, que actualmente establece que o 20% do recadado a través desta casa corresponde repartilo ao Estado e o 80% ás comunidades.