Galicia e Portugal avanzan nun proxecto para unha base aérea antiincendios

A iniciativa está dotada con máis de 9 millóns de euros e conta coa colaboración das Xuntas de Castela e León e outras institucións 
Presentación del proyecto Interlumes. EUROPA PRESS
photo_camera Presentación do proxecto Interlumes. EUROPA PRESS

O proxecto transfronteirizo Interlumes, desenvolvido entre Galicia e Portugal, avanza na posta en marcha dunha base aérea anti incendios que se localizará entre as localidades ourensás de Verín e Oímbra.

A iniciativa, financiada polos fondos Interreg, conta cunha dotación de 9,1 millóns de euros e nela participan, ademais da Xunta de Galicia, as Xuntas de Castela e León e Estremadura, o Goberno portugués e as deputacións provinciais de Ourense, Pontevedra, Zamora e Salamanca.

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participou na reunión de coordinación dos socios do proxecto, celebrada na localidade portuguesa de Chaves, onde os participantes avanzaron non só na base aérea, senón tamén "no deseño do futuro protocolo de actuación conxunta ante incendios forestais na fronteira hispano-lusa".

No encontro, tal e como informou a Consellería de Medio Rural nun comunicado, tamén se avaliaron os principais obxectivos do proxecto –ademais da base aérea e o procolo–: reforzar e mellorar os medios materiais a empregar na existinción de incendios, intensificar o uso de novas tecnoloxías Tics aplicadas á vixilancia e seguridade forestal; si como a formación especializada de todo o persoal que intervén na loita contra incendios, e actividades de sensibilización da poboación da área nesta materia.

CARACTERÍSTICAS DA BASE AÉREA. Segundo sinalou Medio Rural, a futura base aérea caracterizarase pola súa adecuación a aeronaves especializadas en extinción, tanto en avións de carga en terra como helicópteros e, incluso, avións anfibios, "polo que estará dotada con distintos tipos de depósitos de carga en terra".

A base, con categoría 2 de aeródromo, terá unha superficie de 23 hectáreas e estará dotada cunha pista de 1.200 metros de lonxitude e 30 metros de ancho, con 15 metros a cada lado de superficie acondicionada. En cada extremo da plataforma de rodaxe instalaranse balizas luminosas e haberá un hangar con capacidade para seis avionetas de carga en terra.

A instalación contará tamén cunha construción de 300 metros cadrados con estancias individuais para a tripulación e estará preparada con tanques de combustible cunha capacidade mínima de  40.000 litros e cunha motobomba para un caudal mínimo superior a 350 litros/min. Ademais, haberá equipos de extinción compostos por tres depósitos de auga e unha rede de bocas de incendio.

Comentarios