Galicia roza a taxa de doazóns de sangue recomendado pola OMS

A comunidade superou as 106.200 doazóns o ano pasado, 7.828 delas na provincia de Lugo ►Meira, entre os concellos con maior índice de participación 
 
El director general de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal (c), la directora de la Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López (i), y el responsable de Hemodonación, Carlos Areal (d). EFE
photo_camera El director general de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal (c), la directora de la Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López (i), y el responsable de Hemodonación, Carlos Areal (d). EFE

Galicia rexistrou o pasado ano 106.287 doazóns de sangue, que situaron a taxa en 39,4 achegas por mil habitantes, o que situou a esta comunidade "ás portas" da recomendación da Organización Mundial da Saúde de 40 por mil.  Así o destacou este mércores a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (Ados), Marisa López, en rolda de prensa, quen puxo "en valor" a "xenerosidade" da poboación con este "xesto solidario".

Respecto diso, indicou que en 2021 esas doazóns permitiron "case 300 transplantes", así como a atención "de todos os centros públicos e privados" de Galicia en canto a necesidades de sangue. Do total de 106.287 doazóns, concretou que 99.665 foron de sangue e 6.622 de aférese. 

Deste xeito, con esa taxa de 39,4 doazóns por mil habitantes o ano pasado Galicia situouse como a terceira comunidade, tras Estremadura e Castela-León, en canto á taxa e destacou que "este ano" vai estar nun nivel similar. 

Vehículo de doazón de sangue. AEP
Vehículo de doazón de sangue. AEP

Por provincias, Marisa López indicou que dúas das catro superaron as 40 doazóns por mil habitantes, o caso da Coruña, con 45 por mil, un punto máis que o ano anterior, e a de Pontevedra, con 40 por mil, cun punto máis. No caso de Ourense a taxa de doazón foi de 34 por mil, que implica dous puntos porcentuais máis que o ano anterior; e en Lugo mantense en 24 por mil. 

En total, na provincia da Coruña rexistráronse en 2021 un total de 50.720 doazóns, 37.421 na de Pontevedra, 10.318 na de Ourense e 7.828 na de Lugo.

GRANDES CIDADES. A directora de Ados destacou a concentración do 48 por cento das doazóns nas sete grandes cidades galegas, nas que se rexistraron 51.198, o que supón un índice de 52 por mil habitantes. Santiago de Compostela sobresae coa maior taxa de doazón, con 104 achegas por mil habitantes, que constitúen "dez puntos máis" de incremento, un "resultado excepcional", matizou Marisa López, aínda que en cifras totais foi o de Vigo o municipio con maiores cifras, con 14.238 doazóns de sangue.

CONCELLOS. No caso concreto de concellos, a directora de Ados puntualizou que o de maior participación foi o de Padrón (A Coruña), con 734 doazóns, o que lle permitiu alcanzar as 88 doazóns por mil habitantes. 

Na provincia de Lugo foi o de Meira, cunha taxa de 65 por mil habitantes, mentres que na de Ourense destaca o da Pobra de Trives, con 66 por mil. Na de Pontevedra o municipio con maior participación en 2021 foi o de Pontecesures, cunha taxa de 68 doazóns por mil habitantes.

PERFIL. A directora de Ados valorou o incremento de afluencia a doar pese ao contexto de pandemia pola covid-19, cun cinco por cento máis que o ano anterior —no que houbo varios meses de confinamento—, cun 20% de asistencia aos centros de doazón e un 80% a unidades móbiles. 

En canto ao perfil, López indicou que o 47,2 por cento foron mulleres quen, recordou, "só poden doar tres veces ao ano", mentres que os homes poden facelo catro. E subliñou que o pasado exercicio aumentouse o número de novos doantes, con 6.887, que supoñen un 9% que se incorporaron á base de datos de Galicia, que na actualidade supera os 425.000. 

En especial, Marisa López fixo fincapé na colaboración coas tres universidades galegas e incidiu na campaña de sensibilización en centros dos sete campus. Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, neste curso académico entre outubro e novembro rexistráronse 2.397 doazóns de sangue neste ámbito. E na actualidade desenvólvese a segunda fase de marzo a maio. 

A directora de Ados sinalou, así mesmo, que este 2022 continuarase co programa de melloras en infraestruturas iniciado hai seis anos, coa adquisición dunha nova unidade móbil, que se engade á renovación do parque de vehículos de Ados.

Pola súa banda, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, apelou á colaboración dos cidadáns para "fomentar a doazón de sangue e derivados" para afrontar as necesidades dos centros sanitarios galegos. "Necesitamos da colaboración de todos para que esta doazón teña os niveis adecuados", concluíu. 
Por iso, incidiron na importancia de doar con motivo da próxima Semana Santa, cando os doantes se deslocalizan ao desprazarse. "é necesario continuar contribuíndo e doando", sentenciaron. 

Comentarios