Galicia lidera o consumo de ansiolíticos en España e supera os 300 suicidios ao ano

A Fundación Salma advirte de que unha de cada catro persoas na comunidade padece un problema crónico diagnosticado relacionado coa saúde mental e alerta de que "o sistema non funciona". Urxe a apostar por ela, un investimento con retorno

Una participante en la marcha desarrollada en 2021 en el Día Mundial de la Salud Mental. EP
photo_camera Unha participante nunha marcha de 2021 no Día Mundial de la Salud Mental. EP

Galicia é a comunidade autónoma co maior consumo de relaxantes, tranquilizantes e somníferos, e sofre cada ano catro veces máis mortes por suicidios —ata superar as 300— que por accidentes de tráfico, que se cobraron 79  vidas en 2021.

É unha realidade sobre a que alerta a presidenta da Fundación Salma para o coidado da Saúde Mental en Galicia, Ana González (A Coruña, 1961), e "que non se pode silenciar". "Porque non produce o efecto chamada que se argumentou sempre, senón que visibiliza un problema", explica.

Os datos xa eran "alarmantes" antes das restricións dos dous últimos anos "e agora dispáranse", pois "unha de cada catro persoas en Galicia padece un problema crónico diagnosticado relacionado coa saúde mental". Eran máis de 600.000 persoas antes do 2020, un 75% máis que a media de España.

"Iso é que algo se está facendo mal. As institucións din que é polo clima, pero o País Vasco, cun clima similar —de feito, a provincia de Bizkaia ten case a metade de horas de sol que a de Pontevedra—, ten algúns dos mellores datos en saúde mental. É unha cuestión de recursos", engade.

España dispón desde o mes pasado dun teléfono para prevenir o suicidio: o 024

Con ese 23% da poboación con algún problema crónico de saúde mental están as persoas que a coidan, moitas veces da súa familia, que tamén "acaban enfermando, con cadros de ansiedade ou depresións". Así as cousas, Ana González avisa de que é o momento de actuar, xa que "é un problema de toda a sociedade" que ao final "vai tocar a todos".

Subliña que a saúde mental é un asunto "complexo" porque, a diferenza doutras "patoloxías, como cancros ou problemas cardíacos, nas que a xente se asocia e loita polos seus intereses", nas cuestións mentais existía "un tabú moi grande", ademais do desgaste das propias enfermidades: "A loita do día a día cómete, non che quedan enerxías para seguir loitando", resume.

Fronte a iso, neste momento cada vez son máis as voces que reclaman solucións e medidas efectivas, como a proposta de lei que impulsou a súa entidade en Galicia e que foi rexeitada polo PPdeG. Fíxoo co argumento de que Galicia xa conta cun plan, que esta entidade ve "insuficiente e anticuado, de hai trinta anos, e sen executar".

Os datos que manexa mostran unha "situación insostible" na que "vai pasar algo", pois Galicia conta con sete unidades de saúde mental para a infancia e a adolescencia —as etapas nas que aparecen o 75% dos problemas—, pero as esperas "son de ata un ano e moitas veces non conseguen pasar do médico de atención primaria".

"Cando falan de que temos o mellor sistema sanitario, iso non é verdade. En saúde mental, o sistema descansa nos ombreiros das familias e nos profesionais que lle botan horas, pero o sistema non funciona e está a colapsar, con profesionais que nun ano teñen dez contratos, cando aquí é moi importante a continuidade terapéutica", detalla.

De feito, nas etapas da infancia e a adolescencia os casos "duplícanse, e incluso triplican" nalgúns puntos de Galicia, onde os intentos de suicidio dos mozos non deixan de crecer mentres "os pais van de peregrinaxe de médico en médico" e a moitos recoméndalles pedir un préstamo para conseguir atención privada "porque isto non pode esperar": "Son miles de familias en Galicia que non teñen unha luz e non teñen onde agarrarse", argumenta.

A presidenta de Salma sostén que é o momento para darse conta da importancia de apostar pola saúde mental, un investimento con retorno, e é necesario porque nas familias actuais cambia a paradigma e xa non está "esa muller, unha tía ou unha avoa, que se fai cargo dos coidados" senón que "agora todo o mundo ten que traballar".

"Estamos en colaboración coas universidades galegas para que fagan un estudo que demostre que investir en saúde mental é rendible a medio e a longo prazo. Hai estudos en Estados Unidos que din que por cada dólar investido recupéranse entre catro e cinco", conclúe.

Comentarios