Galicia esixe a Sanidade que "axilice" unha convocatoria MIR "extraordinaria"

Almuiña destaca que abrirán o novo contrato de estabilidade ao "colectivo importante" de médicos galegos que traballa en Portugal 

Jesús Vázquez Almuíña. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Jesús Vázquez Almuíña. VICTORIA RODRÍGUEZ

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, insistiu en demandar este martes ao ministerio do ramo que "exerza" as competencias "que ten" e "axilice" unha convocatoria MIR "extraordinaria" para paliar o déficit de profesionais de Medicina de Familia e Pediatría. Así o sinalou, a preguntas dos medios con motivo da súa presenza nunha unidade de doazón de sangue fronte á sede do Sergas en Santiago, nas que recordou que Galicia exerce as súas competencias en materia sanitaria, á vez que demanda ao ministerio que faga o propio. 

Por iso, como reclamou a semana pasada en Madrid, o conselleiro reiterou que "axudaría a convocatoria MIR" a paliar a falta de profesionais en determinadas especialidades, así como contar con máis "acreditacións de unidades docentes".  "Pedimos unha axilización, en especial, en Medicina de Familia e Pediatría para que podamos formar máis médicos", defendeu o titular de Sanidade, á vez que insistiu nunha convocatoria extraordinaria MIR que permita "sacar unha cuarta parte das prazas" que saen na convocatoria que se celebra este sábado. 

"É algo que xa se fixo, no canto de esperar un ano, queremos unha convocatoria extraordinaria para Medicina de Familia e Pediatría, e así facemos dúas ofertas MIR no mesmo ano, algo que é competencia do Goberno", explicou.  Respecto diso, Almuiña abundou que este MIR extraordinario suporía "ao redor de 21-25 máis" entre Medicina de Familia e Pediatría. "Estamos a perder un tempo que non temos", asegurou para sentenciar que unha "nova convocatoria extraordinaria faría adiantar meses a situación ordinaria".

TAXA DE REPOSICIÓN. Así mesmo, reiterou a proposta de eliminar a taxa de reposición que, recordou, é labor "do Goberno do Estado" co fin de poder sacar a concurso un maior número de prazas nas Ope. Sobre as medidas implementadas en Galicia, incidiu no "novo contrato con máis estabilidade para todos os que se forman aquí" e a ampliación da "idade de xubilación" que se fai "desde hai tres anos", matizou. 

Preguntado sobre se a cantidade de profesionais é o que marca a calidade da sanidade galega, o conselleiro resaltou que estes son importantes", porque "a súa formación é excelente", pero tamén as infraestruturas "para ofrecer un bo sistema público" que, agregou, está "moi ben valorado". Sobre o novo contrato, Almuiña manifestou que "non pecha" a porta "a outros". "Aconsello o novo porque dá estabilidade, podes planificar as vacacións", afirmou, para matizar que "é voluntario". "Imos abrilo ao colectivo importante que temos en Portugal traballando", engadiu porque "este contrato pode abrir portas para poder volver".

NOVO MODELO DE PRIMARIA. Preguntado sobre como van as negociacións cos xefes de servizo dimisionarios na área de Vigo, o conselleiro comentou que se incorporaron as súas peticións aos grupos de traballo para definir un novo modelo de Atención Primaria en Galicia. "As suxestións levámolas ao grupo de mellora que están a ver medidas que van mellorar", sostivo para valorar que "están a participar moi activamente todos". Por iso, considera que "van saír medidas que van mellorar e Galicia vai ser pioneira". 

Preguntado sobre se haberá partida económica para estas novas medidas, o titular de Sanidade explicou que non sempre a levan aparellada. "O novo modelo non parte dun dato económico: construamos o modelo e iso levaranos a unha partida económica", apostou. "En sanidade defínese un modelo, vese o que necesita e logo planifícase en varias anualidades", apostilou.

Comentarios