Galicia é hoxe a comunidade con máis tramos negros de estrada

O 19% das súas vías presenta un elevado risco de accidente, segundo o informe EuroRAP
Tramo de concentración de accidentes en una carretera gallega
photo_camera Tramo de concentración de accidentes en una carretera gallega

Galicia é a comunidade con máis tramos negros de estrada en España, xa que o 19% das súas vías teñen risco elevado de accidente, segundo o informe EuroRAP feito público este martes, no que participou o Real Automóbil Club de España (Race).

A rede de estradas do Estado presenta un total de 208 tramos 'negros', aqueles que presentan un elevado risco de sinistralidade, que suman 3.506 quilómetros de lonxitude e representan o 14,1% do total da rede.

En concreto, en Galicia dos 2.110 quilómetros analizados, un total de 401,3 quilómetros teñen un risco elevado de accidente, segundo recolle este informe. Xunto á galega, Cataluña e Asturias son as tres comunidades que concentran o maior número de quilómetros de estradas con risco de sinistralidade.

O estudo indica que o perfil de 'tramo negro' de estrada cun alto risco de accidente corresponde ao dunha vía convencional, con calzada única, con interseccións ao mesmo nivel e que presenta unha intensidade media diaria de tráfico (IMD) de menos de 10.000 vehículos ao día.

Para realizar este estudo tivéronse en conta un total de 4.582 accidentes ocorridos en España na Rede de Estradas do Estado entre os anos 2012 e 2014, dos cales 1.139 sinistros rexistraron vítimas mortais. 

UN TOTAL DE 20 TRAMOS NEGROS EN GALICIA. No informe figuran 20 tramos negros en Galicia, tres deles de risco alto: un na N-547, entre os puntos kilómetricos 47 e 55, en Melide (A Coruña) --con catro accidentes e catro feridos graves--; outro na N-634, entre os quilómetros 676 e 690, entre Sesmonde e Pontecarreira (na provincia da Coruña) --con oito accidentes, dous falecidos e sete feridos graves--; e un terceiro na N-120, entre os puntos quilométricos 535,2 e 549,5 --con nove accidentes e 12 feridos graves--. Os outros 17 puntos son de medio-alto.

Do total de 20 tramos negros, sete están na provincia da Coruña, cinco en Pontevedra, tres en Lugo, dúas en Ourense, dúas entre Lugo e Ourense, así como outro entre Ourense e Pontevedra.


Comentarios