Galicia, unha das cinco CCAA con superávit no arranque do ano

O déficit do Estado crece un 3% e alcanza en marzo os 9.854 millóns de euros, resultado dun gasto de 53.458 millóns cando os ingresos eran de 43.604

O saldo negativo do Estado creceu o 3 % ata marzo respecto ao mesmo período de 2014 e ascendeu a 9.854 millóns de euros, o que equivale ao 0,91 % do PIB, fronte ao 1,12 % rexistrado en febreiro.

Este déficit foi consecuencia duns ingresos de 43.604 millóns, o 2,5 % máis que hai un ano, e uns gastos de 53.458 millóns, o 2,6 % máis. O aumento dos ingresos ata marzo debeuse ao incremento do 5 % da recadación impositiva. En cambio, houbo descensos nas rendas da propiedade, con 1.143 millóns menos que en 2014, debido á caída de dividendos nun 37,9 % e á diminución dos ingresos por intereses do 49,1 %.

Os dividendos foron inferiores aos do primeiro trimestre de 2014 en 552 millóns, fundamentalmente polo descenso dos correspondentes ao Banco de España.

Facenda detalla que a diminución de intereses debeuse a que os devengados dos mecanismos extraordinarios de financiamento ascenderon a 558 millóns en 2014, mentres que en 2015 non se rexistraron ingresos por este concepto polo real decreto de medidas de sustentabilidade financeira das comunidades autónomas e entidades locais que fixou un tipo de interese en préstamos para elas do 0 %.

En canto aos gastos, a partida máis importante foron as transferencias correntes entre Administracións Públicas, que ascenderon a 30.118 millóns, o 0,4 % máis que en 2014, consecuencia do aumento das destinadas a comunidades autónomas e corporacións locais, que creceron o 5,2 % e o 6,3 % respectivamente.

Este aumento viuse compensado en parte polo descenso de transferencias aos Fondos da Seguridade Social, que caeron o 12,2 %, principalmente pola diminución das prestacións por desemprego. Ao mesmo tempo, tamén destaca o crecemento do 3,2 % da remuneración de asalariados ata os 4.089 millóns, que inclúen 153 millóns polo abono en xaneiro de 44 días da paga extra de 2012. Facenda informa de que se se desconta este importe, esta rúbrica diminuiría o 0,7 %.

Dentro dos empregos de capital, a formación bruta alcanzou os 1.078 millóns, o 4,2 % máis que en 2014, polos maiores investimentos militares do plan de modernización das Forzas Armadas.

Tamén se coñeceu este martes que a Seguridade Social rexistrou un superávit de 3.329,49 millóns (o 0,30 % do PIB) a 31 de marzo de 2015, o 4,61 % menos que no mesmo período do exercicio anterior, informa o Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Así mesmo, o déficit consolidado das Administracións Públicas, excluíndo as corporacións locais, reduciuse o 3,9 % nos dous primeiros meses do ano, ata os 10.285 millóns de euros. E falando en termos de PIB, o déficit dos tres subsectores (Administración Central, comunidades autónomas e Seguridade Social) equivale ao 0,95 % do PIB, inferior ao déficit do 1,01 % rexistrado o ano anterior.

A Administración Central rexistrou un déficit de 11.591 millóns a finais de febreiro, equivalente ao 1,07 % do PIB, igual que en 2014. Pola súa banda, os Fondos da Seguridade Social tiveron un superávit de 2.171 millóns, equivalentes ao 0,20 % do PIB, 0,03 puntos menos que no mesmo mes de 2014. Ademais, ata finais de febreiro, o déficit das comunidades autónomas descendeu o 54,2 %, pasando dun saldo negativo de 1.888 millóns en febreiro 2014 a 865 millóns en febreiro de 2015. En termos de PIB, o déficit do subsector situouse no 0,08 %, 0,10 puntos inferior á rexistrada no mesmo mes do ano anterior.


O DÉFICIT DAS CCAA DESCENDEU MÁIS DA METADE. O déficit do conxunto das comunidades autónomas ascendeu a 865 millóns de euros nos dous primeiros meses do ano, un 54,2% menos que no mesmo período do ano anterior, cando foi de 1.888 millóns, un descenso que responde o incremento das transferencias do Goberno central.

Só cinco comunidades (Galicia, Asturias, A Rioxa, Navarra e o País Vasco) tiñan superávit orzamentario neses dous primeiros meses, aínda que a maior parte delas mellora os resultados do ano anterior.

O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas fixo este martes público o déficit consolidado da Administración Central, Comunidades Autónomas e Seguridade Social do mes de febreiro en termos de contabilidade nacional. O déficit máis elevado en porcentaxe do PIB é o de Estremadura, cun 0,40%, seguido polo de Cantabria (0,26%) e Castela-A Mancha (0,19%).

En valores absolutos, o peor resultado orzamentario é o de Madrid, cunha desviación de 299 millóns de euros, mentres que o de Cataluña alcanza os 249 millóns e o de Andalucía os 162.

A desviación orzamentaria das comunidades, que a finais de 2014 alcanzou o 1,66% do PIB, é do 0,08% nos dous primeiros meses do ano, 0,10 puntos menos que en febreiro de 2014.

O mellor comportamento das autonomías débese ao incremento dos recursos non financeiros achegados polo Goberno central, cun crecemento do 5,4%, en tanto que as transferencias ás entidades locais crecen un 6,3%.

Comentarios