Galicia detecta dous novos casos sospeitosos de varíola do mono

A día de hoxe non hai ningún contaxio confirmado na comunidade, xa que as tres iniciais que se estudaron deron negativo ►Os dous pacientes en estudo atópanse "estables" e non requiriron ingreso
Una molécula de la viruela del mono. ISCIII
photo_camera Una molécula de la viruela del mono. ISCIII

A rede sanitaria establecida pola Consellería de Sanidade da Xunta para avisar de posibles casos sospeitosos da denominada varíola do mono detectou outros dous novos en Galicia, tras o resultado negativo das tres iniciais en estudo. Así o confirmou este venres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen explicou que "había tres primeiros sospeitosos que apareceron e xa está confirmado que o resultado é negativo". "Polo tanto, non se trata de casos de varíola de mono", apostilou.

Con todo, anunciou que "agora hai outros dous que tamén son sospeitosos e están en período de análise e aínda están sen confirmar nun sentido ou noutro". Por iso, o presidente da Xunta insistiu en que "a día de hoxe non hai ningún caso confirmado en Galicia" de varíola de mono tras "eses tres xa descartados", mentres que outros dous novos atópanse "en estudo agora mesmo". "Esperemos que se poidan descartar tamén", concluíu. 

Por parte da Consellería de Sanidade, a través dun comunicado de prensa, concretouse que "nas últimas horas", a Dirección Xeral de Saúde Pública comunicou ao Centro de Coordinación de Alteras e Urxencias Sanitarias "dous novos posibles casos de infección".

Os dous pacientes en estudo atópanse "estables" e non requiriron ingreso

CINCO. Iso, concreta Sanidade, eleva a cinco "o número total de persoas que presentaron un cadro compatible con varíola do mono". Sanidade indicou que permanece á espera de que o Instituto de Saúde Carlos III "avalíe nos seus laboratorios estas dúas últimas mostras remitidas desde Galicia". 

Por parte das autoridades sanitarias galegas destacaron que estes dous novos pacientes con casos en estudo atópanse "estables" e non requiriron ingreso. 

Sanidade incide en que desde que recibiu a alerta internacional sobre a varíola do mono o pasado 17 de maio o departamento sanitario da Xunta "mantense vixiante para poder identificar e confirmar/refugar os posibles casos desta enfermidade". 

En concreto, o pasado venres, 20 de maio, Sanidade informou do primeiro caso sospeitoso, unha persoa non hospitalizada que presentaba unha clínica compatible coa definición distribuída polo Ministerio de Sanidade. 

Pola súa banda, o luns 23 de maio informou Sanidade de dous novos casos sospeitosos da enfermidade da denominada varíola do mono. Este martes pasado, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apuntou que eses tres pacientes presentaban "patoloxía leve" e ningún ingresado, tras recibir o alta o que estaba hospitalizado por patoloxía "asociada que tiña". 

Comentarios