Galicia defende a súa xestión para o control do xabaril e reclama un censo estatal

O BNG urxe a combinar "diferentes solucións" para afrontar os danos provocado polo animal
Una familia de jabalís.AEP
photo_camera Unha familia de xabarís.AEP

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reclamou un censo da poboación de xabaril a nivel estatal, unha demanda que —segundo expuxo— foi trasladada xa ao Goberno central para dar un "tratamento global" a través dun plan de acción.

Do Campo compareceu na comisión de agricultura, alimentación, gandería e montes do Parlamento galego, onde defendeu as actuacións impulsadas pola Xunta a preguntas do deputado do BNG, Xosé Luís Rivas. Este asegurou que "non son os cazadores os elementos para o control da poboación" de xabaril. "Hai plans de xestión que hai que facer", esixiu o deputado nacionalista, quen apelou a combinar "diferentes solucións para afrontar os danos derivados" por esta especie. 

Rivas puxo en cuestión que haxa unha redución do número de avisos, como sostivo a directora xeral, quen sinalou que de 910 no período 2018-2019 pasouse a 642 entre 2019 e 2020. "Non é real, non funciona, a xente está cansa de falar cunha máquina", sentenciou o deputado nacionalista achacando a ese motivo que haxa menos avisos.

CAMIÑOS NO RURAL. Tamén interveu na comisión a directora xeral de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, quen fixo balance, en resposta a unha pregunta parlamentaria do PPdeG, das actuacións da Administración autonómica para apoiar a mellora de camiños de titularidade municipal no rural galego. 

Na súa intervención, sostivo que a Consellería do Medio Rural destinou case 18 millóns nos últimos cinco anos dentro dos plans de infraestruturas rurais, entre os que se atopan as vías municipais. Tamén sinalou que este ano o orzamento destinado ao plan de mellora de camiños aumentou un 20% respecto da convocatoria anterior, ata os 14,3 millóns.

Comentarios