Galicia contabiliza 315 casos activos de coronavirus en residencias de anciáns

Falecen nas últimas horas outros 2 usuarios da DomusVi San Lázaro e os empregados con Covid-19 en toda a Comunidade aumentan en 3
La residencia de San Lázaro. R.S.
photo_camera A residencia de San Lázaro. R.S.

Galicia contabiliza este luns un total de 315 casos positivos por coronavirus en residencias da terceira idade. En concreto, trátase de 235 usuarios, dous menos que na noite do domingo debido ao falecemento de dous internos na DomusVi San Lázaro de Santiago —un deles no propio centro—; e 80 traballadores, tres máis.

Así, segundo os últimos datos da Consellería de Política Social, desde as 21,00 horas do domingo non se rexistran novos positivos entre os usuarios e o maior foco segue sendo a residencia DomusVi Barreiro de Vigo, con 74 infectados.

Seguen a esta a residencia San Carlos de Celanova, con 45; a de San Lázaro, con 25 casos; 19 no Portazgo, na Coruña; 17 na residencia de Crecente; 15 na nosa Señora de la Esperanza de Ourense; e 13 en Nuestra Señora de Fátima no Barco de Valdeorras.

Ademais, contan con usuarios contaxiados a DomusVi de Cangas (6), o Divino Maestro de Ourense (5) Concepción Arenal da Coruña (4), o Fogar Bellolar da Coruña (3), a de Castro Caldelas (2) e casos individuais na de Arteixo, en Fogar Nosa Señora do Carme de Fisterra, na residencia As Fragas de Pontedeume, na José Castro de Santiago, en DomusVi Monforte, na residencia Betania de Viveiro, na Nuestra Señora de la Asunción de Caldas, na Residencia Moledo Vigo e no Complejo Residencial Atención Personas Dependientes (CRAPD), tamén da cidade olívica.

A cifra de empregados de residencias de maiores que sofren coronavirus ascende ata os 80

O balance de falecidos, tras os dous novos da DomusVi de San Lázaro, elévase a 17. Concretamente, xa son sete neste centro da capital galega, tres no Portazgo, dous en Fogar Bellolar, un en Castro Caldelas, un en Celanova, un en DomusVi Barreiro e outro na DomusVi de Carballo.

TRABALLADORES INFECTADOS. En canto aos tres novos diagnósticos entre os traballadores, xurdiron un na Nosa Señora do Carme de Fisterra e dúas na Vivenda Comunitaria Avime de Cospeito, que por agora non contabiliza ningún positivo, tampouco entre os usuarios.

Deste xeito, a cifra de empregados que sofren coronavirus ascende ata os 80. O resto rexistraron 18 casos en Celanova, once na DomusVi San Lázaro, outros tantos na DomusVi Barreiro, oito no Portazgo, catro en Nuestra Señora de la Esperanza, dúas en Cangas, dúas en San Pedro (Crecente), un en San José (Ourense), un en Bellolar, un en Remanso Claudina-Somoza (A Coruña), un en San Simón (Teo), un en CRAPD Vigo, un na de Foz, un no Rocío F. San Rosendo (Vigo), un na da Porqueira, un en Nosa Señora do Carme (Fisterra) e outro na nosa Señora de Fátima no Barco.

A cifra de traballadores de Centros de Atención para Persoas con Discapacidadque padecen o virus mantense en sete

PERSOAS CON DISCAPACIDADE. Nos Centros de Atención para Persoas con Discapacidade, os casos confirmados por Política Social mantéñense ata o mediodía deste luns en 24 usuarios. Máis concretamente, o principal foco é o CAPD de Redondela, con 20 positivos; aos que seguen casos individuais de Aspronaga en Oleiros; de Aixiña, en Ourense; de Santa Cruz San Rosendo, en Ourense; e a Residencia Daño Cerebral Cruz Roja de Castro de Rei

Ao mesmo tempo, a cifra de traballadores que padecen o virus mantense en sete: catro no centro de Redondela, un da Vivenda Tutelada Ágora de Monforte de Lemos, un na de Santiago e outro no CAPD de Sarria.

Comentarios