Galicia Calidade Alimentaria, novo selo para promocionar produtos galegos

Englobará os produtos agroalimentarios con excelencia recoñecida e profundará na súa promoción
Alberto Núñez Feijóo. LAVANDEIRA JR.
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. LAVANDEIRA JR.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a creación do selo Galicia Calidade Alimentaria, unha marca que englobará produtos agroalimentarios "con excelencia recoñecida" e contribuirá á súa promoción. Núñez Feijóo fixo este anuncio durante unha intervención na I Mostra de Calidade Alimentaria que se desenvolve no Pazo de Quián, en Boqueixón, segundo indica o Goberno galego nun comunicado. 

O novo distintivo creado pola Xunta agrupará "o mellor que dá o país, da man dos produtores"; produtos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida, marcas de garantía como Galega 100%, razas autóctonas e o selo PescadeRías.

Durante a súa intervención, Núñez Feijóo insistiu no "potencial do rural galego" e fixo fincapé en medidas como a Estratexia do lácteo e o viño, a da carne, e actuacións como a Lei de recuperación da terra.

O presidente galego avanzou que a próxima semana o Consello da Xunta analizará "os 37,5 millóns de euros" que o Executivo autonómico prevé destinar "á incorporación de mozos ao rural, aos plans de mellora e ao desenvolvemento de pequenas explotacións".

"A mensaxe que lles estamos transmitindo é que existe un rural vivo", incidiu Núñez Feijóo, que recordou que tres dos grandes proxectos que Galicia aspira a financiar con fondos europeos Next Generation están relacionados co rural. 

Comentarios