Os galegos son os cuartos que menos esperan para operarse: 75 días de media

As listas están por baixo do conxunto nacional, con 113 xornadas de espera ► Traumatoloxía e Oftalmoloxía, as de máis atasco ► A intervención pola que máis xente espera son cataratas
El conselleiro de Sanidad, este viernes en un acto de la Fundación Lar. XOÁN REY
photo_camera El conselleiro de Sanidad, este viernes en un acto de la Fundación Lar. XOÁN REY

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) atopábase a día 30 de xuño como o cuarto servizo sanitario autonómico –ao non contar a Ceuta e Melilla– con menor tempo de espera para unha cirurxía, con 75 días de media. Con todo, atópase por encima da media na taxa de pacientes que agarda por unha intervención, con 17,76 habitantes por cada 1.000, ao contabilizarse 46.553 persoas esperando. En canto á espera para unha consulta co especialista, Galicia está de quinta, cun tempo medio de 55 días e 75,67 habitantes por cada 1.000.

Son datos publicados este venres polo Sistema Nacional de Saúde (SNS), actualizados ao finalizar o primeiro semestre e que reflicten que en toda España a sanidade pública alcanzou o seu máximo histórico de pacientes en lista de espera para unha operación non urxente, con 742.518 persoas. Son ata 81.356 máis que o ano anterior (+10,96%), pero o tempo medio a nivel estatal era de 113 días, oito menos que un ano atrás.

Doutra banda, o 17,6% dos pacientes levaban na lista de espera máis de 6 meses –máis ou menos igual que en Galicia–, segundo os últimos datos recollidos con data do 30 de xuño. No entanto, tal e como destaca o Ministerio de Sanidade tras os incrementos experimentados nas primeiras ondas pandémicas, as demoras rexistran unha apreciable diminución respecto da situación previa á pandemia: o tempo medio de espera redúcese en 8 días e a porcentaxe de pacientes que levan en lista de espera máis de seis meses é de 2,3 puntos menor que en decembro do ano 2019.

Espera por especialidades

A nivel de Galicia, como é habitual a especialidade con maior número de pacientes é Traumatoloxía, con 12.679 pacientes en lista de espera, cifra lixeiramente superior a Oftalmoloxía (11.929). O resto de pacientes agardando repártense en Cirurxía Xeral e de Dixestivo (7.766), Uroloxía (3.596), ORL (2.136), Ginecoloxía (1.972), Cirurxía Plástica (1.452), Anxioloxía-Cirurxía Vascular (1.207), Cirurxía Pediátrica (1.037), Neurocirurxía (978), Dermatoloxía (760), Cirurxía Maxilofacial (711), Cirurxía Cardíaca (190) e Torácia (140).

En canto aos días de espera, os galegos que peor o teñen son os pendentes dunha operación de Neurociruxía, que esperan 101 días de media, seguido dos nenos pendentes de Cirurxía Pediátrica (96), os pacientes de Traumatoloxía (90) e os de Cirurxía Plástica (80), que disparan a media galega. Os máis rápidos son os de Dermatoloxía, que esperan apenas 47 días.

En canto ás operacións concretas, a lista de espera no Sergas engórdana sobre todo os pendentes dunha opeación de cataratas, que son 10.092. Moi por encima dos de hernia inguinal (3.188), prótese de cadeira (1.641), túnel carpiano (1.277), artroscopia (1.174) ou varices (1.004). En canto ás consultas, os galegos esperan 55 días de media, fronte aos 79 de España.

Comentarios