Gadis reuniu máis de 150.000 quilos de alimentos de primeira necesidade, sumando a colaboración dos clientes e os 25.500 quilos achegados pola propia compañía á 11ª campaña Maio Solidario. Esta axuda, que chegará a miles de fogares en situación de vulnerabilidade de Galicia e Castela e León, será xestionada polos once bancos de alimentos cos que colabora de forma habitual. A doazón económica dos clientes ao pasar por caixa ascendeu a 49.217€, que se reparten tamén entre o Banco de Alimentos da Coruña, Ferrol, Santiago (Balrial), Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Valladolid e Zamora.
Desde Gadis mostran o seu agradecemento aos clientes polo
Alianza solidaria
A implicación da empresa coa súa contorna desde o seu compromiso coa tripla sustentabilidade (económica, social e ambiental) definiu o desenvolvemento de Maio Solidario desde 2013. Unha alianza solidaria que mantén cos bancos de alimentos como a fórmula máis eficaz para unha repartición equitativa da axuda. Estas entidades sociais participan activamente no día a día de 800 asociacións, que atenden a máis de 100.000 persoas en situación de vulnerabilidade e son coñecedoras das súas necesidades. A estes fogares chegarán os produtos de alimentación, como arroz, legumes, aceite, leite, galletas, cereais e conservas, que se recolleron desde o 2 ata o 28 de maio en 204 Gadis de Galicia e Castela e León.
Once anos de compromiso
Preto de 1,5 millóns de quilos de alimentos reuníronse nestes once anos de Maio Solidario, aos que hai que engadir os máis de 175.000 € recadados nestas tres últimas edicións. O compromiso de Gadis coa súa contorna enmárcase na súa adhesión ao Pacto Mundial das Nacións Unidas e, en concreto, a dous dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030: ODS 1 (Fin da Pobreza) e ODS 2 (Fame cero). A esta campaña súmanse outras accións ao longo do ano co mesmo propósito, algunhas desenvolvidas tamén en colaboración cos bancos de alimentos e con outras organizacións, como Cáritas ou as Cociñas Económicas.