Os Franco xa deben amosar as figuras do Mestre Mateo polo menos catro días ao mes

O DOG prublica o decreto aprobado pola Xunta que protexe nove esculturas, entre elas as de Abraham e Isaac
Esculturas de Abraham e Isaac. EP
photo_camera Esculturas de Abraham e Isaac. EP

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores o decreto aprobado polo Goberno galego que declara Ben de Interese Cultural (BIC) nove esculturas da desaparecida fachada do Pórtico da Gloria, atribuídas ao Mestre Mateo. Entre elas, atópanse as dúas pezas, Abraham e Isaac, en poder da familia Franco e por cuxa posesión está aberto un litixio co Concello de Santiago. 

O decreto de protección, que foi aprobado pola Xunta o pasado 26 de xullo, non implica ningún cambio na titularidade destes bens, pero si obriga aos propietarios a abrir ao público estas pezas un mínimo de catro días ao mes, o mesmo que ocorre co Pazo de Meirás

Ademais das dúas pezas en mans do Franco, o decreto afecta a outro sete esculturas que están ou en mans de particulares ou forman parte do patrimonio de institucións públicas como o Museo da Catedral de Santiago ou o Museo de Pontevedra

Todas elas teñen unha cronoloxía comprendida entre os anos 1188 e 1211 e pertencían orixinariamente á desaparecida portada occidental da Catedral de Santiago, que se antepuña ao Pórtico da Gloria, tamén atribuído ao Mestre Mateo. 

En concreto, as estatuas protexidas coa declaración BIC son as do Rei David, o Rei Salomón e unha figura masculina con cartela localizada en 2016 durante a restauración das torres da Catedral, atribuída ao profeta Malaquías, todas elas pertencentes ao Museo da Catedral de Santiago. 

Así mesmo, tamén se inclúen dúas tallas identificadas como Enoc e Elías, que custodia o Museo de Pontevedra, e catro pezas pertencentes a coleccións particulares, as dúas da familia Franco, unha talla dun rei bíblico identificado en ocasións como Fernando II de León e unha cabeza barbada dunha estatua-columna, que está depositada no Museo da Catedral de Santiago.

Obrigas para quen as custodian
Segundo esta declaración, as persoas ou institucións que custodian estes bens de interese cultural deberán conservalos e impedir a súa deterioración, así como permitir o acceso ao persoal habilitado para inspeccionar o seu estado. 

Do mesmo xeito, o decreto obrígalles a permitir a visita pública das pezas, gratuíta, durante polo menos catro días ao mes, con catro horas de apertura ao día. En caso contrario, poderá acordarse o seu depósito nun lugar de exhibición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos. 

A maiores, deberán notificar á Consellería de Cultura "calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real" do ben, con indicacións do prezo e das condicións, dado que a Xunta terá "dereito de tenteo e de retracto" para facerse coas mesmas. 

Tamén deberá solicitarse autorización expresa á Administración galega para o traslado dos bens, indicar o seu destino e as condicións de conservación e transporte, entre outras cuestións. 

Comentarios