Os Franco piden ata 13 anos de cárcere para os militantes do BNG que 'ocuparon' Meirás

Atribúenlles delitos de odio, contra a honra e achandamento ► Os denunciados considérano "unha barbaridade xurídica"

A familia Franco e a Fundación Franco denunciaron o grupo de 19 militantes do BNG que en agosto do ano pasado "ocuparon" simbólicamente unhas horas o Pazo de Meirás polos delitos de odio, contra a honra, danos e violación de morada. 

Así o anunciou este xoves o dirixente nacionalista Néstor Rego, que compareceu acompañado doutros dos participantes naquela acción de denuncia para informar de que foron denunciados tanto pola familia Franco como pola fundación que leva o nome do ditador por mor destes feitos. 

Os 19 denunciados ocuparon o Pazo durante unhas horas en agosto de 2017

Ante os medios, Rego recordou que en agosto de 2017 un grupo de militantes do BNG fixeron "unha acción pacífica" despregando dúas pancartas no Pazo de Meirás, Ben de Interese Cultural en mans da familia Franco, para pedir a súa "reintegración" no patrimonio galego. 

A acción, recordou, coincidiu cun día de visita pública da instalación, durou dúas horas e "todos os participantes abandonaron o pazo ante a Garda Civil e de forma pacífica". 

Esta actuación, apuntou o nacionalista, "reactivou o debate social e político sobre o pazo" e a súa "devolución ao pobo galego", polo que se mostrou "orgulloso" de participar na iniciativa.

DENUNCIA. Hai menos de dúas semanas, os 19 integrantes desta acción comezaron a recibir notificación da denuncia presentada ante os Xulgados de Betanzos  pola que terán que ir declarar a finais do mes de setembro. 

Na denuncia, atribúeselles un delito de achandamento de morada con agravante de violencia, penado con de un a catro anos de cárcere; e de danos en modalidade agravada, penado con entre un a tres anos de prisión. 

Ademais, considéranos autores dun delito de odio, penado con entre un e catro anos de prisión e doutro contra a honra con publicidade, ao que corresponden entre seis meses e dous anos de cárcere. 

Os militantes considérano unha "barbaridade desde o punto de vista xurídico" e "lacerante para as vítimas do franquismo"

Con iso, destacou Néstor Rego, a familia e a Fundación Franco piden para os integrantes desta "acción pacífica" penas de cárcere que van desde os tres anos e medio aos 13 anos de prisión, así como multas económicas. En total, as penas solicitadas suman 247 anos de cárcere.

Os militantes consideraron esta acusación unha "barbaridade desde o punto de vista xurídico" e "lacerante para as vítimas do franquismo", á vez que cren que "carecen de fundamento". 

Neste sentido, recordaron que se realizou nun día de apertura pública do pazo, polo que "non hai achandamento de morada", e de forma "pacífica". Ademais, cualificaron de "irónico" que "unha fundación que fai apología do fascismo" denúncielles "por atentado contra a honra e por un delito de odio". "é o mundo ao revés", dixo Néstor Rego.

Comentarios