Formoso replica a Caballero que o apoio da militancia "hai que gañalo o sábado"

O candidato á secretaría xeral do PSdeG dixo en Lugo que o partido precisa "novo impulso"
González Formoso, este xoves no seu acto coa militancia en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera González Formoso, este xoves no seu acto coa militancia en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

O aspirante á secretaría xeral do PSdeG Valentín González Formoso replicou este xoves ao seu rival, Gonzalo Caballero, que o apoio da militancia do partido "hai que gañalo sábado". Así se pronunciou o tamén alcalde das Pontes despois de que Caballero pedise aos "cadros e baronías" do PSdeG que "se poñan detrás" do seu proxecto "gañador". 

Tras incidir na mensaxe de "un militante, un voto", Formoso avanzou que se el é secretario xeral do PSdeG apostará pola "unidade", unha actitude que espera que tamén manteña Gonzalo Caballero en caso de resultar vencedor. González Formoso volveu a sinalar que aposta por un modelo que "volva ilusionar a militancia, que sexa integrador e conte con todo o mundo" e "que teña os pés na terra, estando á beira da cidadanía". 

O tamén presidente da Deputación da Coruña celebrou en Silleda e Lugo a súa penúltima xornada de encontros coa militancia de cara ás eleccións primarias nas que este sábado os socialistas elixirán o seu líder para o próximos catro anos. 

En Lugo, onde foi presentado pola alcaldesa, Lara Méndez, reivindicou que "o PSdeG necesita un novo impulso". "Hai que volver conectar coa sociedade e poñer todo o talento que brota dentro do partido ao servizo de Galicia", apuntou. 

Ademais, subliñou a necesidade dun partido "forte e unido", que volva ilusionar a militancia, que sexa integrador e conte con todo o mundo. "Volvamos colocar o PSdeG no lugar que se merece, que é o de gobernar para poder cambiar a vida das persoas", apuntou para incidir en que "considerar que os resultados nas últimas autonómicas non son malos é vivir nun mundo paralelo".

Por outra banda, despois de que Gonzalo Caballero anunciase que selara un pacto co alcalde de Vigo, Abel Caballero, para a elaboración dunha lista única da agrupación local ao XI congreso do PSdeG, fontes próximas a Formoso sinalaron que "moitas agrupacións como Lugo ou Santiago chegarán tamén listas de delegados consensuadas", como xa se fixo en tres do catro provincias galegas para o Congreso Federal. 

"O secretario xeral elíxeo a militancia, non os delegados ao Congreso", apuntaron estas fontes, que inciden en que Gonzalo Caballero "volve a arrogarse méritos que non son seus, senón da Agrupación Socialista de Vigo". 

Comentarios