"Quero un novo PSdeG que defenda os intereses dos galegos por riba de todo e reactive este país"

O novo líder do PSdeG non ten clara aínda a nova executiva, pero si a folla de ruta: tirar dos mellores sen mirar que votaron o día 30 para conquistar a Xunta. "Gobernar é o mellor pegamento do partido", di
Valentín González Formoso (As Pontes, 1971). PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Valentín González Formoso (As Pontes, 1971). PEPE FERRÍN (AGN)

FORMOSO GARANTE integración real na nova etapa e revela a súa conversa con Caballero.

Pasou unha semana desde as primarias. Deulle tempo xa a arrepentirse de meterse nisto?
Entre contestar mensaxes de felicitación e repoñerme algo fisicamente deume moi pouco tempo a calquera cousa; incluso a arrepentirme [ri].

Por que cre que gañou?
Porque milleiros de compañeiros compartimos unha reflexión: a necesidade de enviar unha mensaxe a unha cidadanía galega que foi moi xenerosa apoiando o PSdeG nos últimos anos nas xerais, municipais e europeas, pero non no ámbito autonómico, onde houbo unha falta de empatía e de identificación co proxecto socialista. Podíamos obviar iso e entender que foi un accidente ou que a xente votou mal, pero o que facemos é o contrario: dicimos "oído cociña" e poñemos a funcionar o mellor PSdeG, sen que sobre ninguén e unindo todo o talento ao servicio dun proxecto que aspire a gañar as eleccións en Galicia.

Sexa sincero: agardaba un triunfo tan contundente nas primarias?
Non. A verdade é que dándonos tan pouco tempo de campaña e loitando contra o aparato tampouco é doado presentarte en tres provincias onde o meu grao de coñecemento é o que é. Así que eu pensei que a marxe ía ser bastante menor, aínda que no meu equipo había opinións que xa apuntaban a este resultado. Pero entre que eu son prudente e que o grao de coñecemento era un factor que podía pesar na militancia, estimei unha marxe menor.

Xa que está sendo sincero voulle preguntar se o molestou que Gonzalo Caballero non fixese a foto con vostede na noite electoral.

Para min iso xa é pasado. Sinceramente naquel momento si que me molestou un pouco, pero quizais foi froito dun malentendido e non deixa de ser unha anécdota nesta historia fermosa.

Molestoume que non fixera a foto aquela noite, pero é anecdótico; deuno todo por este partido e hai que contar con el

O xoves si que se reuniron brevemente no Parlamento galego. De que falaron?
Non profundizamos en grandes aspectos senón que falamos máis de sensacións persoais, de como estaba el e como estaba eu, da dispoñibilidade de Gonzalo para o novo proxecto. Foi unha conversa en ton positivo sen máis.

Deulle a sensación de que Gonzalo Caballero asumirá o novo rol que lle asigne ou pola contra cre que plantará batalla?
E que non hai batalla que plantar! Aquí trátase de que ninguén sobra nin é prescindible e de que todos terán un papel. De entrada Gonzalo é deputado autonómico e é unha persoa válida que o deu todo polo PSdeG nestes catro anos e coa que hai que contar. En ton positivo imos reflexionar cada movemento e en ton positivo imos accionar este partido; en min nunca atoparán diferenzas públicas ou deconfianza cara a compañeiros.

De arranque seguirá de voceiro parlamentario ata o congreso do PSdeG. Máis alá?
Máis alá non está decidido. El puxo a disposición ese posto moi xenerosamente e quero agradecerllo. Iremos paso a paso, con normalidade. Temos un congreso que organizar, unha executiva e un comité nacional que compoñer e non é calquera cousa. Máis alá de aspectos persoais que entendo poidan ter máis morbo, aquí falamos de algo que está por riba diso: de lograr que o partido se identifique con Galicia e que a xente empece a percibir un PSdeG que está alterando a súa folla de ruta.

E como será ese novo PSdeG?
Un partido que conectará coa sociedade e que fará unha oposición máis construtiva, pero esixente. Vén unha nova política baseada en defender os intereses dos galegos por riba de calquera cousa. Vimos de vivir estes últimos anos un abismo que parecía a fin do mundo e algo teremos que aprender, ou imos facer a mesma política que antes da pandemia? Este país hai que reactivalo, temos que valorar moito máis o que temos e temos que facer unha nova política en positivo e construtiva, e o que non a queira facer quedará retratado ante a cidadanía galega.

Ten xa a executiva en mente?
Non, aínda non, pero queda tempo de sobra. O que si teño claro é que terá que identificarse coa nova maneira de entender o PSdeG, disposta a traballar as 24 horas nas distintas áreas, composta por xente de valía nesas áreas e con ilusión por mudar un país que está desmoralizado e adormecido, e que parece que renuncia ao talento e a moito do potencial que ten, o que fomenta que moitas xeracións novas emigren e non teñan oportunidades aquí.

Vostede falou sempre de integración. Como se materializará?
Porque como digo, o principal serán os contidos das áreas da executiva. E en función deles buscaremos as persoas máis axeitadas pola súa valía e sen mirar a quen apoiaron nas primarias o día 30. Esa é a integración real.

O PSdeG leva una década de leas internas, desde a marcha de Touriño. Ten cura ou é un mal crónico?
É algo que se pode aplicar a todas as formacións políticas, pero como a min me toca falar do PSdeG pois digo que si que ten remedio. O maior pegamento dunha formación é gobernar institucións. Cando se goberna os compañeiros deixamos un pouco a visión persoal para apoiar o goberno, así que a grande aspiración para conseguir ese pegamento absoluto é que a cidadanía nos apoie e nos impulse cara a Xunta. Logo a militancia tamén nos vai impulsar e as loitas internas irán remitindo, ata o punto de que aqueles compañeiros que prefiran ser críticos e non construtivos, que sempre os hai, estarán incómodos.

Vistos os resultados, hai unha fenda norte-sur no partido?
Non. O que hai é que só tivemos 30 días para darnos a coñecer e aínda así en Ourense e Pontevedra houbo un empate técnico se excluimos a cidade de Vigo, que ten unha dinámica propia. Nin existe esa fenda nin a vou permitir. Eu son un forofo de Vigo e un namorado de Pontevedra e meu pai e meus avós naceron en Ourense, así que hai vínculos de todo tipo, persoais e emocionais, que fan que non exista unha fenda que non ten sentido nun pais tan pequeno como este. Non podemos renunciar a ningún territorio nin a ningunha persoa independentemente da súa orixe.

Falou xa con Abel Caballero?
Persoalmente aínda non, pero mandámonos mensaxes. En todo caso non é necesario porque a miña relación con el é moi boa. Eu admiro ao alcalde de Vigo pero sobre todo ao Abel que coñecín como presidente da Femp, onde vin un político moi hábil, intelixente e comprometido co seu labor cando houbo que desbloquear os remanentes dos concellos, centos de millóns de euros inmobilizados por unha decisión de Rajoy que Abel, xunto coa sensibilidade de Sánchez, logrou reverter.

A identificación co proxecto foi maior en Lugo porque estou moi vinculado alí, por familia e pola relación fronteiriza

Ao contrario que en Vigo, na provincia de Lugo o apoio foi aplastante. Como o valora?
Dalgún xeito Lugo é unha provincia moi vinculada a min no día a día, alomenos máis que Ourense e Pontevedra. Miña sogra é de Vilalba e vou con máis frecuencia a Lugo, aínda que teña dúas irmás na zona de Vigo. A miña vida é fronteiriza con Lugo e a relación é moito máis intensa. En Lugo teño amigos moi cercanos e entendo que a identificación co noso proxecto era maior.

Reflectirase ese apoio lucense na nova dirección?
Está claro que Lugo terá o seu papel, pero non en función territorial senón porque ten persoas de moita valía para algunhas áreas da executiva.

A xente estuda, pesca, investiga ou constrúe fóra do Parlamento; se teño que escoller un lugar para facer política ese é a rúa

Cal é o plan para facer oposición ao PP desde fóra do Parlamento?
Penso que no Parlamento hai unha dinámica interna. É certo que alí reside a soberanía do pobo, pero eu creo que se pode facer política extramuros do Hórreo porque a xente estuda fóra, pesca fóra, investiga fóra, ensina fóra, constrúe fóra... Temos que estar con esa xente na rúa e ter unha correa de transmisión no Parlamento para levar iniciativas e fiscalizar o labor da Xunta. Pero se teño que escoller, eu escollo facer a política a pé de rúa.

Teme que o seu novo rol dificulte o seu labor institucional na Deputación ou no Concello das Pontes porque PPdeG e BNG endurezan a súa postura contra vostede?
Seguiremos facendo o de sempre: gobernos contrutivos, expositivos e contando con todos. Cada quen terá que saber o seu papel. A cidadanía galega valorará as posturas responsables e as destrutivas, aínda que son lexítimas, quedarán en evidencia.

Circulaba pola rede un meme no que dicía que vostede ía ser presidente da súa comunidade de veciños, para bromear coa súa acumulación de cargos.
Pois non o son! De feito estouno evitando [ri].

Deixarei a dirección provincial porque é incompatible coa galega, pero non é lóxico deixar a Deputación e o Concello

Pero deixará algún cargo?
Tocará deixar a secretaría provincial da Coruña porque é incompatible coa secretaría xeral, pero do resto non. Para ser presidente da Deputación tes que ser alcalde ou conselleiro por lei e logo terei o posto de secretario xeral do PSdeG. Xestiono un orzamento de 190 millóns contra os 500.000 do presidente do Goberno, que tamén o é do PSOE, ou os 11.000 de Feijóo, que preside PP e Xunta. Así que non ten lóxica que renuncie ao Concello ou á Deputación.

Gustaríalle ser o candidato á Xunta en 2024?
Si. Pero en calquera caso farei o que diga a militancia do PSdeG. Os candidatos ás institucións elíxenos os compañeiros en primarias e hai que ser respectuoso cun momento que aínda tardará tres anos. Non hai decisións tomadas e en todo caso tomaraas a militancia en base ao que perciba da cidadanía, onde penso sinceramente que este proxecto calará.

E imaxina esas primarias con Gonzalo outra vez de rival?
Imaxino unhas primarias con calquera compañeiro. Eu xa asistín a varios procesos de primarias como candidato, ás veces perdín e ás veces gañei. Perdín en 2011, gañei en 2018 e agora gañei estas. Hai que estar preparados para o que a militancia decida.

Valentín González Formoso na sede do PSdeG. PEPE FERRÍN (AGN)

"Non son un político convencional nin me van as trincheiras"

FORMOSO vive nas Pontes, onde está casado e ten dous fillos pequenos. De feito, responde a esta entrevista mentres agarda que un deles saia de adestrar.

Pasou esa tarde prometida coa familia ou aínda non tivo tempo?
Pois a medias, porque entre tanta entrevista non tiven tempo. Pero espero que esta fin de semana si sexa para adicarlla a eles.

E será nas Pontes? Ou ten Formoso algún recuncho noutro lugar ao que lle gusta ir desconectar?
Será nas Pontes, pero nalgún momento tamén andaremos pola provincia de Lugo.

Pódese saber onde?
Imos ir a unha casiña a Sober.

As Pontes é terra de músicos e vostede púxose a aprender guitarra no confinamento. Que tal lle dá?
Mal [ri]. Sei tocar, a medias, La Bamba e Knockin’ on Heaven’s Door, de Dylan.

E que outras afeccións ten Valentín González Formoso?
Encántame o baloncesto e tamén a bicicleta BTT, para andar pola vila e pola súa contorna. Cada vez ando máis na bici, aínda que é certo que cada vez teño menos tempo para facelo. E tamén me gusta moito ler.

Que está lendo agora?
Pois estou con varios libros á vez. A Breve historia de Galicia de Ramón Villares e os Cadernos Republicanos de Casares Quiroga. E logo hai outro, ese xa por compromiso porque foi un regalo, centrado na figura de Circe, da Grecia clásica.

Como leva ser un político comedido e convencional en tempos de estridencias, titulares e tuits?
Convencional eu?

Esa é a sensación que dá.
Pero se son o menos convencional en política! A visión partidista das cousas non vai conmigo, porque nunha sociedade onde hai que convivir con xente que pensa doutra forma hai que tentar avanzar, senón isto é a trincheira permanente. Na pandemia, o noso peor momento desde a Guerra Civil, para negociar un decreto do Estado de alarma uns esixíanlle ao Goberno central a Y vasca, outros non sei que da débeda de Cataluña, outros que se tivese en conta tal cousa... Iso nun momento onde morrían 2.000 persoas ao día! Eu nesta pandemia vin o peor da política. Por iso eu non son un político convencional, eu estou aquí de paso. Dicían que non me ía atrever a dar o paso para liderar o PSdeG por non asumir o risco. Que risco? Estou aquí por conciencia e por pura responsabilidade e cando crea que o faga mal non me aferrarei á cadeira senón que marcharei. Así que non son nada convencional.

Do que non é moito é de redes sociais, ou iso parece.
Só de Facebook. Non teño Whatsapp nin o penso ter. O mundo está hoxe máis comunicado, pero peor comunicado.

Está pendente dunha materia para graduarse en Dereito. Que o levou a estudar agora aos 50?
Foron varios motivos. En primeiro lugar por ser un exemplo ante os meus fillos, que é bo que me vexan estudar. En segundo lugar porque é unha pena que quedándome dúas materias non remate unha carreira que me encanta e que me será proveitosa tanto na vida política como na persoal. E en terceiro lugar porque miña nai ten 91 anos e sei que lle fará moita ilusión que me gradúe.

Pedro Sánchez felicitouno na noite electoral das primarias. Fixérono desde aquela Feijóo e Pontón?
Feijóo si. De Pontón non teño o móbil así que igual é unha das felicitacións que me chegou e non o sei. En todo caso si que o fixo moita xente do Bloque.

A Besteiro é mellor que o deixemos xa en paz. A el gustalle a política, pero non vexo por ningures que vaia dar o paso

A última. Hai ticket ou bicefalia con Besteiro no seu proxecto para o PSOE galego?
Que va, esquéceo! É mellor deixar xa a Besteiro tranquilo e acabar con esta comidilla. Besteiro pasouno moi mal estes anos e aínda que a el lle encanta a política, eu non vexo por ningún lado que vaia a dar ese paso. En calquera caso é unha decisión súa, eu non vou ser quen interprete os seus silencios, senón que o ten que facer el.

Comentarios